O tenente de alcalde Alfonso Vázquez reivindicou a figura do insigne xeógrafo de Portas de quen dixo que deixa un legado de luz e guía para todos os galegos
O pregón de Concha Méndez, presidenta da Asociación Cultural Domingo Fontán, lido pola súa neta Carmela Barreira López, servíu de despedida ao fronte desta entidade ao tempo que servíu de prólogo da ofrenda floral que na honra do insigne xeógrafo e matemático de Portas se levou a cabo, posteriormente, diante do seu monumento, no lugar de Porta do Conde, berce do ilustrado galego.
Concha Méndez puxo en boca da súa neta Carmela Barreira a admiración pola figura de Domingo Fontán, inspirador do seu traballo ao fronte da Asociación que agora deixa de presidir para dar paso á renovación e ás novas xeracións. Durante os moitos anos que estivo como presidenta, Concha Méndez foi a alma mater da asociación adicándolle a súa “voz, tempo e corazón”.
Méndez lembrou os comezos da súa andaina ao fronte a Asociación e referíuse de maneira especial ao ex presidente da Xunta Manuel Fraga quen, segundo dixo, comprendeu desde o primeiro momento a importancia de coidar e transmitir o legado e a memoria de Domingo Fontán ás novas xeracións para un mellor coñecemento e comprensión de Galicia.
Concha Méndez dixo convencida: “Deixo a presidencia, pero non a causa, alentando aos que veñen para que continúen con esta paixón”. Agradeceu o apoio da súa familia e especialmente á súa neta, que falou no seu nome, “xa que ela representa o que é a miña ilusión, a continuidade deste legado que é de todos que non pertence ao pasado, senón ao noso presente e, sobre todo ao noso futuro”.
A continuación e en nome do Concello de Portas tomou a palabra o tenente de alcalde Alfonso Váquez Reboredo quen ensalzou a figura de Concha Méndez e, como non, do homenaxeado de quen se conmemorou o 237º aniversario do seu nacemento e de quen dixo que nos deu unha lección de vida e un exemplo irrepetible de compromiso con Galicia “tras percorrer durante anos a pé e a cabalo a nosa terra para facer o primeiro mapa científico o primeiro rostro de Galicia. Foi quen de demostrar que se pode transformar o mundo desde o local, desde un lugar como Porta do Conde. Demostrou que o coñecemento non ten fronteiras”.
Vázquez Reboredo enxalzou o labor da Asociación e da súa presidenta, tamén a importancia de que nos centros educativos se coñeza a figura de Domingo Fontán e rematou a súa intervención sinalando con orgullo que “hai que manter viva a súa lembranza porque é luz e guía para todos os galegos”.
Finalmente, unha comitiva encabezada polo tenente de alcalde Alfonso Vázquez e a concelleira Chus Fontán partiu desde a Casa da Cultura portando unha coroa de flores que foi colocada aos pés do monumento a Domingo Fontán pola presidenta da Asociación, Concha Méndez, quen chegou ata o lugar a bordo dun vehículo de Protección Civil do Concello de Portas.
O acto de homenaxe oficial rematou coa interpretación do himno galego a cargo do grupo de gaitas da Asociación Domingo Fontán, encargados tamén de amenizar musicalmente toda a xornada.