HomeTabeirósA EstradaO problema do aceso á vivenda preocupa ao BNG

O problema do aceso á vivenda preocupa ao BNG

- Anuncio -spot_img

O goberno de López sempre de perfil diante dos problemas dos veciños e veciñas, votou en contra en 2018 dunha moción do BNG para crear un parque municipal de vivendas en alugueiro

O noso concello ten un problema demográfico evidente; os datos do IGE e mesmo os que proporcionou o alcalde hai unhas semanas deixa claro que ou se toman medidas ou A Estrada baixará dos 20.000 habitantes nos próximos anos. Como xa dixemos en varias ocasións, as campañas publicitarias do goberno de López, así como baby box non farán que medre o número de habitantes, senón que haberá que tomar medidas de calado para incrementar a actividade económica, mais tamén o concello ten que tomar a iniciativa para aumentar o número de vivendas a disposición dos veciños e veciñas. Non se pode incrementar a poboación no noso concello se non hai vivendas a prezo asequíbel.

Os problemas de acceso á vivenda é un asunto que preocupa a amplas capas da veciñanza da Estrada e desde o BNG temos que criticar o tempo perdido polo goberno municipal do PP.

En 2016 -hai xa case 7 anos- o BNG lanzaba unha proposta ao goberno de López para impulsar unha bolsa municipal de pisos para atender situacións de emerxencia social. A resposta do goberno foi positiva, pero todo quedou en meras declaracións. Nada fixo.

En 2018 desde o BNG presentamos unha moción, que entre outras medidas, instaba ao goberno municipal á crear un parque municipal de vivendas en alugueiro ao que se podían incorporar os propietarios particulares que o desexasen, complementado coa construción de vivendas de promoción pública na cantidade necesaria para equilibrar a oferta-demanda. O PP votou en contra da moción.

Resumindo: temos un goberno do PP de brazos cruzados diante dos problemas dos veciños e veciñas. Con todo, desde o BNG insistiremos co tema da vivenda, porque o acceso á vivenda é un dos dereitos básicos dos cidadáns e cidadás. Mais este dereito vense restrinxindo de sempre, pero fundamentalmente nos anos anteriores á crise económica, nos que a actividade construtiva se constituíu na máis visíbel expresión dun sistema xeneralizado de especulación capitalista, manifestada nunha alza continuada dos prezos en total disonancia co valor real das vivendas. Isto fai que moitos veciños e veciñas teñan moi difícil o acceso a unha vivenda digna.

Neste sentido, o BNG está a preparar unha proposta novidosa e ambiciosa para incrementar o número de vivendas a un prezo razoábel, que presentaremos nas vindeiras semanas.

Lamentamos o tempo perdido polo goberno de López, mais desde o BNG insistiremos nas nosas propostas, porque cremos que son xustas e necesarias. Se o goberno de López non o fai, teremos que cambiar de goberno para que as cousas cambien. Os veciños e veciñas da Estrada merecen máis.

Publicacións Relacionadas