- Acorde á edición especial que celebra o evento, a intelixencia artificial terá gran protagonismo nas actividades, moitas delas de acceso libre e outras exclusivas para inscritos
- Esta cita terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, se ben mañá abrirá as súas portas de forma non oficial na súa xornada pre-party, para facilitar o acceso graduado aos inscritos
A maior lanparty galega prepárase xa para a súa edición especial centrada en intelixencia artificial, a XGN Intermax AI Edition, a cal terá lugar do 10 ao 12 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Esta cita, que coincide co 25ª aniversario do evento, contará cun amplo programa de actividades que volve a medrar, pasando de cincuenta propostas o ano pasado a setenta nesta edición. Unhas propostas nas que a intelixencia artificial terá un papel destacado.
En canto ás actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN Intermax AI Edition incluirá competicións de arte dixital e tamén de CTF, nas que os participantes tratarán de resolver retos de ciberseguridade. Ademais, no apartado hardware contará con diversas propostas, entre elas introdución e creación de proxectos de modificación e personalización de equipos (modding), a carreira de leds Open Led Race e una zona de impresoras 3D que incluirá unha granxa destas máquinas ou o espazo Maisprinter, pensado para apaixonados deste ámbito no que compartir coñecementos, experimentar coas impresoras, poñelas a punto ou desfrutar imprimindo. En canto á área de software libre, incluirá propostas como o AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo.
Así mesmo, organizaranse torneos de máis de vinte videoxogos, algúns para pc e outros para consola. Entre eles haberá oito competicións con premios, que serán de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, FC26, Mario Strikers: Battle League, Super Smash Bros Ultimate e Mario Kart Deluxe 8. As restantes competicións serán de Overwatch 2, AoE II Definitive Edition, Duck Game, Overcooked 2, Peak, Pokemon TCG Pocket, R.E.P.O, Starcraft 2: Legacy of the Void, Teamfigth Tactics, Tricky Towers, Ultimate Chicken Horse, Ultra Start, Web Games, StreetFighter e Clash Royale.
A todo iso sumaranse, como en cada edición da party, xogos tan divertidos como o trivial de cinema, debuxo analóxico, fast relato, xogos con avións de papel ou concurso de plastilina.
Ademais da zona Intranet, exclusiva para inscritos, a party conta novamente coa súa Extranet, área á que poden acceder tanto os rexistrados como os visitantes ocasionais do recinto. Esta zona Extranet estará aberta durante os dous primeiros días da party, 10 e 11 de outubro, e incluirá un amplo programa de conferencias e obradoiros de gran nivel, nos que terá un importante peso a intelixencia artificial e que serán impartidos por destacados expertos. Levaranse a cabo baixo os títulos “Intelixencia artificial aplicada á impresión 3D de medicamentos personalizados”, “IA na música, evolución e creatividade”, “Un mundo de fantasIA”, “Intelixencia artificial: o teu novo superpoder”, “Aumenta o teu potencial con n8n na era da IA”, “Espremer o teu pc ao 100%, optimización de CPU e GPU para gaming, creación de contidos e IA”, “Revivindo a tecnoloxía, da Game Boy Cor aos Macs modernos” ou “Do mundo real ao mundo dos videoxogos: como Fortnite, o videoxogo máis xogado do mundo, abre novas portas para institucións e entidades”. Ademais, o creador de contido Matty Sánchez, centrado en estilo de vida, adestramento e receitas saudables, conducirá unha charla.
Por outra banda, haberá atractivos obradoiros, entre eles un centrado en electrónica que propoñerá construír unha radio FM dende cero, outro sobre como hackear dispositivos electrónicos, un terceiro de hacking ético e un cuarto centrado na programación de baixo nivel con fundamentos da programación de sistemas operativos en arquitectura x86. Engadiranse obradoiros de cosplay, actividade consistente en confeccionar disfraces e accesorios de personaxes de videoxogos, cinema, manga ou cómic.
Ademais, o evento dispoñerá de áreas de videoconsolas, de lentes de realidade virtual ou de simuladores de videoxogos, ademais de futbolín, ping pong, xadrez ou pistas deportivas.
Unha programación que é un eixo fundamental deste evento e que conferirá un gran atractivo a esta edición especial, a cal contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto o ano pasado, os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento. Ademais, nesta edición o provedor galego de aloxamento, servidores e infraestrutura Raiola Netwoks súmase ao evento cun patrocinio.
Posta a punto na xornada pre-party
Como é habitual a tarde previa á inauguración, a XGN Intermax AI Edition abrirá mañá ás 16.00h as súas portas de forma non oficial na súa xornada pre-party. Farao para facilitar o acceso graduado dos inscritos e a instalación tanto dos seus equipos como dos seus útiles para durmir na zona de acampada.
Se ben os inscritos que acudan xa mañá poderán comezar a empregar os seus equipos, aínda será unha xornada centrada na realización de probas técnicas e de montaxe para a posta a punto da party e para garantir a estabilidade da conexión de cara ao día seguinte. Así mesmo, o programa de actividades comezará o venres 10 de outubro, día oficial da apertura do evento.