• Esta cita terá lugar o mércores 15 de marzo, a partir das 18.30 horas, na Casa Rosada, e se realiza a petición da área de Serivos Sociais
• O concelleiro socialista Gregorio Agís lembra que a iniciativa conta tamén con asesoramento ‘on line’ e presencial e se pode solicitar chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a ola@ecoinnovapoio.gal
O programa EcoInnova, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo co obxectivo de promover a optimización e mellora dos recursos enerxéticos, acadando unha maior sostibilidade e aproveitamento en custos, celebrará este mércores, 15 de marzo, a súa terceira charla informativa no que vai de ano. Nesta ocasión, será unha cita que estará dirixida de xeito prioritario a persoas maiores e que se desenvolverá na Casa Rosada, en San Salvador, a partir das 18.30 horas.
Segundo explica o concelleiro responsable deste departamento, Gregorio Agís (PSdeGPSOE), este encontro lévase a cabo para dar resposta a unha petición realizada desde Servizos Sociais, área que dirixe a tamén socialista Rosa Fernández. “Queremos ofrecer pautas de coñecemento básicas e sinxelas coas que as persoas maiores se poidan familiarizar rapidamente e lles permita reducir os custes da factura da luz”, indica o edil do Goberno municipal. Deste xeito, o técnico Diego Padín afondará nesta charla aclarará diferentes dúbidas, como analizar que compañía ten contratada cada usuario ou usuaria, o tipo de tarifa que máis se axusta ás súas necesidades e a contratación da potencia correcta.
Desde a súa posta en marcha en decembro do ano pasado, o programa EcoInnova conta xa con máis de 60 persoas e negocios adheridos. Ademais destas charlas informativas, que veñen contando cunha alta participación, a través desta iniciativa tamén se promove un servizo de asesoramento informativo, que pode ser a través de visitas ‘in situ’ para estudar os locais e propoñer medidas para incrementar o rendemento enerxético, ou vía telemática.
Todo para que “a cidadanía pague un prezo axeitado e axustado ás súas necesidades no recibo da luz”, engade Gregorio Agís. Ademais, na páxina web www.ecoinnova.gal os usuarios e usuarias teñen á súa disposición a descarga dunha guía con 15 consellos básicos de aforro. Entre eles, figuran a substitución de electrodomésticos máis antigos por uns de nova xeración, o uso da lavadora en frío, limitar a utilización da secadora, programar lavados curtos no lavavaixelas ou activar o deshumificador nas horas de tarifa reducida. “Son pequenos xestos que poden axudar a que o aforro mensual sexa notable”, indica Gregorio Agís.
Para resolver máis dúbidas, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 625120475 ou enviar un correo electrónico á dirección ola@ecoinnovapoio.gal.



