O Programa Integrado de Emprego do concello de Cuntis 23/24, subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cumpriu o seu sétimo mes de andadura acadando o acceso ao emprego de 57 persoas participantes, das que 20 xa cumpriron os tres primeiros meses de contrato.
Varios dos contratos de traballo proveñen da rede de empresas colaboradoras neste Programa, que se sumaron ven ás prácticas ou a priorizar os participantes do Programa de Emprego no acceso aos seus procesos de selección. Empresas colaboradoras que ofreceron oportunidades de emprego foron: Froiz, Clavo, Indalsu, Cortizo, Finsa, Celtic, Celga, Carpintería Freiter, Supermercado Pernas, Clesa, Truchas del Umia, Balneario Acuña, Hidraúlica Barro e Aluminios Parra.
O Programa desenvolveu os Itinerarios formativos de Comercio e Almacén, cunha duración aproximada de 400 horas, e xa se levan realizados 24 convenios de prácticas en diferentes sectores. Nos seguintes meses o Programa continuará coa ampliación de convenios de prácticas en empresas do entorno, así como a formación complementaria en Inglés, Informática e Prevención de Riscos Laborais.