HomePontevedraDezaO programa máis lúdico comezou na feira Abanca Semana Verde 2025 con...

O programa máis lúdico comezou na feira Abanca Semana Verde 2025 con sorprendentes actividades ecuestres, caninas, sobre rodas ou de beleza

- Anuncio -spot_img
  • TAMÉN AUMENTA NESTA XORNADA O NÚMERO DE SHOWCOOKINGS E CATAS, DE DEGUSTACIÓNS DE FESTAS DE INTERESE TURÍSCTICO OU DE PROPOSTAS DE CAZA, PESCA E NATUREZA
  • O CERTAME CONTINUARÁ MAÑÁ CON GRAN CANTIDADE DE ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

A 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra ata mañá domingo, puxo en marcha hoxe o seu programa máis lúdico. E fíxoo multiplicando as propostas das súas distintas áreas e salóns e incluíndo algunhas con gran espectacularidade.

Así, ademais de distintas exposicións e actividades programadas para todos os días, hoxe incorporáronse novas propostas destinadas ao público xeral. Entre elas destacaron as ecuestres, como o XI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional   C, un morfolóxico de cabalos árabes con gran participación que continúa mañá, e un taller sobre coidados do poni onde os nenos poden cepillalos, facerlles trenzados ou pasealos á corda. Centrado en exemplares de Pura Raza Galega tamén se levou a cabo o Concurso Morfolóxico Oficial, unha vistosa exhibición de rapa das bestas nun curro con eguas do monte e varios grupos de aloitadores, un desfile de varios cabalos engalanados ao modo tradicional ou  unha demostración de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”.

En canto ás caninas, realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina e outra de pastoreo de ovellas con cans da raza boder collie, ademais de actividades co Can de Palleiro, demostracións de agility (axilidade canina) e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, tanto por equipos como individual.

Por outra banda, comezaron as actividades sobre rodas. Por unha banda, realizáronse cursos gratuítos e exhibicións de skateboarding, nas que participaron algúns campións e campioas galegas desta modalidade deportiva. Así mesmo, esta mañá o público puido gozar dunha exhibición a cargo do pioneiro do freestyle motocrós en Portugal, Paulo Martinho, mentres que esta tarde levarase a cabo o show “Pichu & Balles Stunt”, integrado por dous dos tres únicos pilotos de stunt (acrobacias sobre rudas) en Galicia.

Salóns paralelos

As actividades relacionadas cos outros catro salóns paralelos á feira Abanca Semana Verde de Galicia tamén se intensificaron hoxe. Así, en Turexpo Galicia e Festur celebráronse actividades relacionadas con festas de interese turístico, como demostracións das palilleiras de Camariñas e do Entroido dos Xenerais do Ulla, showcooking da Festa do Queixo de Arzúa ou degustacións da Festa da Tortilla de Laro, de Silleda; do Pan de Cea, Xamón da Cañiza e as Patacas de Coristanco en distintas elaboracións. Sumáronse talleres da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, como “Elaboración de Caretas de Animais da Natureza Galega” ou o VIII Encontro de Creadores Dixitais de Turismo, que nesta ocasión contou con doce creadores de Engaliciamórate, Gallego Viaxeiro, Wonderintravel, Gato Vadio Travel Blog, Baixo Infinitas Estrelas, LauradeOurense, Antonautas na Iagosfera, Wfabianchos e Koala 87.

En canto a Salimat Abanca, desenvolvéronse numerosas propostas, como demostracións de coctelería ou degustacións a cargo dos centros de formación profesional de hostalería e turismo e industrias alimentarias organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e varias sesións da aula de Catas da Consellería do Mar, entre elas “Acuicultura, descúbrea: O Rodaballo” Tamén se celebraron “Experiencias de Calidade” organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), como a “Cata de viños premiados nas Catas de Galicia 2024” ou a presentación e degustación de produtos agroalimentarios organizada por Economía Social de Galicia no stand da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Así mesmo, destacaron os showcookings da Terraza Salimat, entre eles o centrado na raza autóctona galega Galiña Piñeira e o de produtos de Galicia amparados baixo denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, ecolóxicos o de artesanía alimentaria a cargo de Julio Mato, chef do Programa de TVG “A Voltas co Prato”. Súmanse gran cantidade de showcookings, catas e degustacións nos distintos stands, ademais do X Encontro de Creadores Dixitais, no que participaron trece creadores de Pez Salvaje, Guía Furanchín, La Cocina de Fati, Vigodelicioso, Desayuna Coruña, Magdalenas de Chocolate, ElfaroGastro, Pasear Galicia e Rosanacr34.

En canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, desenvolvéronse exhibicións de voo con aves de cetrería, unha demostración de montaxe de moscas a cargo dos especialistas Marcos Prado e Joaquín L. Quintás e un concurso de lance de mosca. Ademais, intensificáronse as actividades de tiro con arco e non deixou de funcionar o simulador Sim Way Hunt, un sistema virtual para aprender e adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento.

Pola súa banda, no salón de beleza e estética Intermax Beauty Show, leváronse a cabo hoxe dous talleres de técnicas de styling masculino e feminino con expertos do sector. Un deles por parte de Jesús Vázquez, formador para diversas marcas e gañador do premio Imaxe Galicia a mellor colección masculina. Sumouse Sara Serantes, directora xeral de Innusual, CEO de Ssctrainer Formacións e formadora de química e cosmetoloxía e do Máster Bioquímica e Físico da Cor para toda Europa.  Tamén mostrou os seus coñecementos Christian Barber, campión de freestyle de barbería en Galicia e na Golden Chair Internacional, ademais de creador da batalla de barbeiros A Mariña Barber Battle.

Ademais, tiveron lugar as conferencias “Como crear unha estratexia de branding para o teu negocio” e “Autocoidado, benestar e oportunidade de negocio”.

Publicacións Relacionadas