HomePontevedraCaldasO PSOE advirte que a política económica do  alcalde leva ao Concello...

O PSOE advirte que a política económica do  alcalde leva ao Concello cara a bancarrota

- Anuncio -spot_img

Alberto García presenta unha moción e remite alegacións ao Tribunal de Contas e ao Ministerio de Facenda ante a “desastrosa” liquidación do exercicio 2024

O Grupo Municipal Socialista de Catoira denuncia que a política económica do actual goberno local está conducindo ao municipio a unha situación límite que pode desembocar nunha intervención e nun rescate económico por parte do Ministerio de Facenda así como noutra subida de impostos e taxas municipais.

A liquidación do orzamento de 2024, aprobada con oito meses de retraso mediante decreto da alcaldía o pasado 29 de outubro, revela un remanente de tesourería negativo de -359.341,42 euros, o que supón triplicar o déficit respecto ao exercicio anterior, que xa era de -113.778,01 euros. “Nunca neste concello se deu un resultado tan negativo de remanente de tesourería”, afirma Alberto García García, portavoz socialista.

O concelleiro socialista cualifica de “desastroso” o resultado económico e alerta de que existe un déficit de 473.119,43 euros que a normativa esixe equilibrar de inmediato. Segundo a lexislación vixente (artigo 193 do RDL 2/2004), o goberno local está obrigado a aprobar no próximo pleno unha redución de gastos por ese importe para regularizar o déficit ou incrementar os ingresos por esa cantidade, de 473.119,43 euros.

A situación agrávase ao constatar que, a 31 de decembro de 2024, o concello acumulaba 894.058,76 euros en facturas pendentes de pago por carencia non só de partida orzamentaria, senón tamén de recursos reais.

Subida de impostos sen resultados

García denuncia que o goberno municipal aprobou un incremento do 20% en impostos e taxas “asegurando que era necesario para equilibrar as contas do 2024, pero xa vemos que o resultado é o contrario: un notorio agravamento da situación deficitaria”. O portavoz socialista sinala que, malia os maiores ingresos pola subida impositiva, “o balance final é de incremento do déficit e facturas impagadas. Un desastre”.

Moción ao pleno e denuncia aos organismos de control

Alberto García anunciou que presentará unha moción no próximo pleno municipal esixindo medidas correctoras inmediatas e que remitirá alegacións formais aos seguintes organismos:

  • Ministerio de Facenda (Dirección Xeral de Estabilidade Orzamentaria)
  • Tribunal de Contas e Consello de Contas de Galicia
  • Secretaría Xeral Técnica e do Tesouro da Xunta de Galicia
  • Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde xa hai dous contenciosos en trámite contra a aprobación dos orzamentos de 2024 e 2025

Responsabilidades persoais do alcalde

O PSOE esixe responsabilidades persoais ao alcalde Xoán Xosé Castaño Conde en materia de xestión económica-orzamentaria, ao abeiro do artigo 28 da Lei de Transparencia. García subraña que “a reiteración das infraccións do señor alcalde implica que se lle deben esixir tales responsabilidades persoais, moi especialmente despois desta liquidación do exercicio 2024, cuxa xestión lle atinxe en exclusiva”.

O grupo socialista denuncia ademais o “exercicio de oscurantismo” do goberno local ao aprobar a liquidación “en medio dunha multitude de decretos da alcaldía, cando debería darse conta nun punto da orde do día do pleno co expediente completo”.

Risco de intervención ministerial

García advirte de que “a situación económico-financeira exposta, ante a aparente imposibilidade material de xerar recursos para cubrir eses 473,119,42 euros, pode levar á medida drástica da intervención da xestión económica municipal por parte do Ministerio, do que será único responsable o alcalde”.

O incumprimento dos prazos legais para remitir a liquidación ao Ministerio de Facenda (antes do 31 de marzo) suporá ademais que a Secretaría Xeral de Financiamento Local “reterá o importe das entregas a conta e a liquidación do Estado”, o que agravará aínda máis a situación financeira do concello, así como a denegación de subvencións por parte da Xunta como xa está ocorrendo.

Publicacións Relacionadas