Como xa alertara o portavoz do grupo socialista con opacidade, confusión e urxencia artificial o alcalde aprobou a suba do imposto de circulación e de outras 22 taxas municipais
O PSOE de Catoira denuncia que o alcalde recorreu esta mañá á opacidade, a confusión e a urxencia artificial para aprobar unha batería de subas fiscais que golpearán directamente aos petos da veciñanza. Nun prazo de apenas 24 horas e cunha convocatoria deliberadamente enmarañada, o goberno local sacou adiante o incremento do IBI, do imposto de circulación e doutras 22 taxas municipais, medidas que o propio alcalde coñecía desde o mes de abril e que xa enviara a Facenda ás agachadas para intentar tapar o que o grupo socialista cualifica como “un desastre económico de proporcións históricas”.
O PSOE lembra que esta forma de actuar non é nova: o portavoz socialista, Alberto García, xa advertira da existencia dun Decreto enviado polo alcalde ao Ministerio de Facenda, oculto entre outros documentos levados a pleno, no que se comprometía a subir impostos sen informar nin á Corporación nin á cidadanía. Hoxe o rexedor repetiu o mesmo patrón de ocultación e manipulación, disfrazando como “Outros procedementos de financiamento” un expediente que en realidade implica incrementar pagos, alongar débedas ata 2060 e cargar sobre a veciñanza o custo da súa propia xestión.
Para o PSOE, o alcalde recorre ao seu “malabarismo habitual” para desviar a atención, culpando a terceiros dun endebedamento que el mesmo incrementou en 850.000 euros nun só ano, mentres evita explicar que a súa solución pasa por saquear os petos da veciñanza. O grupo socialista considera que esta estratexia de confusión busca agochar unha realidade incontestable: o Concello está nunha situación financeira crítica e o alcalde pretende que sexan os veciños quen paguen a factura.
O grupo municipal socialista reclama ao alcalde de Catoira que explique á veciñanza o contido do Decreto da Alcaldía nº 2025-0419, do 30 de outubro de 2025, no que o propio rexedor comunica á Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos (CDGAE) e ao Ministerio de Facenda a súa decisión de aplicar un incremento do tipo de gravame do IBI urbano do 0,60 ao 0,70, así como outras medidas relativas ao ingreso público.
O Decreto, hoxe aprobado, deixaba claro que o alcalde opta por incrementar a presión fiscal como vía para cumprir o Plan de Sostibilidade Financeira do Concello, sen informar
previamente á Corporación nin á cidadanía. O Decreto tamén recollía a decisión da Alcaldía de modificar as condicións financeiras dos préstamos formalizados co Fondo de Financiación a Entidades Locais (FFEELL), incluíndo a transformación das débedas canceladas mediante retencións da participación en tributos do Estado nun novo préstamo do Fondo de Ordenación por 412,43 miles de euros, cun prazo de cancelación ata 2060.
Para o PSOE, estas decisións evidencian unha situación financeira “moi grave” que o alcalde afronta “únicamente a través da suba de impostos”, cando existen outras alternativas de xestión. “O que está facendo é trasladar á cidadanía o custo dunha mala planificación económica”, afirma García.



