A moción socialista destapou falta de informes, ausencia de garantías xurídicas e improvisación do goberno nun proxecto de 928.622 euros
A moción presentada polo Grupo Municipal Socialista no mes de xaneiro puxo en evidencia que o proxecto “Conexión peonil entre o centro urbano e os enclaves turísticos de Pedras Miúdas”, cun custo de 928.622,22 euros, estaba sendo impulsado polo alcalde sen cumprir requisitos esenciais. No propio expediente, segundo recolle a moción, quedaba claro que faltaban informes sectoriais preceptivos, non estaba acreditada a plena dispoñibilidade xurídica dos terreos afectados e nin sequera estaba consolidado formalmente o marco de financiamento, incluíndo a sinatura dos convenios necesarios («clarificar a plena disponibilidade xurídica dos terreos afectados, así como consolidar formalmente o marco de financiamento previsto»).
A advertencia socialista provocou alertou á asociación Mar de Santiago, entidade colaboradora e axente de financiamento do proxecto, que esixiu garantías antes de continuar. A presión institucional e pública derivada da moción obrigou ao alcalde a paralizar cautelarmente o procedemento de licitación, recoñecendo de facto que o alcalde pretendía avanzar nun proxecto de case un millón de euros sen cumprir a legalidade nin garantir a seguridade xurídica do expediente.
Un alcalde advertido durante meses… e que decidiu ignoralo
O voceiro socialista, Alberto García, lembra que levaba tempo alertando destas deficiencias, igual que doutras irregularidades financeiras que se acumulan no Concello «sen ser escoitado polo alcalde». A moción non fixo máis que confirmar, por escrito e de maneira oficial, o que o PSOE levaba meses denunciando: que o proxecto de Pedras Miúdas estaba sendo tramitado con precipitación, opacidade e falta absoluta de rigor administrativo.
O documento aprobado polo grupo socialista xa advertía da necesidade de actuar con «especial prudencia e rigor» e de completar todos os requisitos legais antes de executar unha obra desta magnitude, algo que o alcalde decidiu ignorar inicialmente.
Agora que o procedemento está paralizado ata cumprir coa legalidade, Alberto García manifesta a súa satisfacción porque, por fin, o expediente se poida completar correctamente. Pero advirte que o investimento previsto —uns 400.000 euros dentro do proxecto global— non pode converterse nunha actuación mínima e sen ambición, limitada a zahorra e arranxo dun camiño. O PSOE reclama que se inclúa na intervención a rehabilitación dun albergue de peregrinos na contorna, unha actuación coherente co carácter turístico e cultural do proxecto e que evitaría que se malgaste unha oportunidade estratéxica para o municipio.



