Alberto García pide investimentos que solventen as necesidades reais dunha parroquia cunha forte concentración de poboación
O Grupo Municipal Socialista de Catoira vén de presentar unha moción para que o Concello priorice a execución das beirarrúas e a ampliación das calzadas na parroquia de Dimo, unha actuación que afecta directamente á seguridade viaria nun dos núcleos con maior concentración de poboación do municipio.
Dimo leva anos reclamando unha intervención que mellore os accesos á Igrexa, O Busto e Gondar, zonas nas que a ausencia de beirarrúas e o estreitamento das calzadas supoñen un risco evidente para peóns e vehículos. O PSdeG-PSOE lembra que esta actuación non é unha proposta improvisada, senón un proxecto técnico xa redactado, tramitado polo propio Concello e presentado no seu día á Deputación de Pontevedra.
Un agravio para Dimo
O grupo socialista considera un agravio que unha parroquia cunha elevada densidade de poboación continúe sen un servizo básico como as beirarrúas.
O PSdeG-PSOE lembra que este proxecto foi unha iniciativa impulsada polo propio grupo socialista na anterior etapa, mais na actualidade non conta coa totalidade da financiación comprometida. A pesar diso, o executivo local decidiu iniciar o proceso de licitación, sen ter aínda garantidos todos os informes sectoriais, a plena dispoñibilidade dos terreos nin a confirmación formal das achegas anunciadas.
Para os socialistas, esta decisión evidencia unha falta de prudencia e rigor na xestión dos recursos públicos, especialmente cando existen actuacións prioritarias, maduras administrativamente e cun impacto directo na seguridade da veciñanza.
Dimo conta con financiamento certo e suficiente
A actuación en Dimo dispón xa de recursos económicos asegurados:
- 250.000 € achegados pola Deputación de Pontevedra
- 702.507,92 € correspondentes ao Plan Máis Provincia para 2026 e 2027
Un total de 952.507,92 €, cantidade que permite executar a obra na súa totalidade sen depender de achegas pendentes nin de convenios por formalizar.
O PSdeG-PSOE defende que a planificación municipal debe responder ás necesidades reais da veciñanza e garantir un equilibrio territorial que evite discriminacións entre parroquias. Neste sentido, o grupo socialista considera que a seguridade viaria e a
accesibilidade deben situarse por diante cando estes non teñen aínda asegurado o seu financiamento.
O PSdeG-PSOE solicita que o Concello revise e complete toda a tramitación administrativa do proxecto de Pedras Miúdas antes de continuar coa súa contratación, garantindo que conte cos informes, a dispoñibilidade dos terreos e a financiación comprometida. Do mesmo xeito, pide que se dea prioridade ás actuacións de ampliación de calzadas e construción de beirarrúas en Dimo, unha intervención necesaria e urxente para a seguridade da veciñanza, e que se destinen a este fin os fondos xa dispoñibles tanto da Deputación de Pontevedra como do Plan Máis Provincia. Finalmente, reclama que o acordo adoptado polo Pleno se remita á Deputación para asegurar a coordinación institucional e avanzar con garantías na execución das obras.



