A iniciativa forma parte dun proxecto de mellora das instalacións, que inclúe tamén outra innovadora proposta: un mini punto limpo móbil que percorrerá as 10 parroquias
Mos comeza o ano 2025 traballando a prol do Medio Ambiente. Así, desde a concellería así denominada, trabállase na posta en valor do Punto Limpo municipal sito no Parque Empresarial PEMOS Veigadaña.
Para elo desprazáronse ata alí esta mañá a concelleira Laura Méndez, e persoal técnico municipal, de cara a levar a cabo a supervisión previa á realización do proxecto. Con esta iniciativa preténdese modernizar o Punto Limpo e adaptalo aos novos tempos. Entre as accións a levar a cabo atópase a instalación dunha biotrituradora para facer estucturante para compost caseiro, triturando restos de poda e vexetais que alí se depositan, e que ese material estructurante poida ser recollido e reutilizado a posteriori polos veciños e veciñas que o queiran empregar para facer o compost caseiro para as súas fincas e cultivos, de xeito totalmente gratuíto.
Outra das medidas será a creación dun mini Punto Limpo móbil, que se desprazará polas 10 parroquias mosenses para facer recollida a domicilio e evitar, a quen lle resulte incómodo, ter que desprazarse ata as instalacións centrais sitas na Veigadaña.
Tamén se mellorará a zona de recollida e almacenaxe de pequenos electrodomésticos. Optimización tendente á posibilidade de que, nun futuro, se puidera tamén activar un servizo de reparación e recuperación dos mesmos, sempre que sexa posible, para a súa reutilización. Neste espazo realizaríase a preparación para a reutilización, xa fora para o almacenamento separado dos residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización, como para a comprobación ou tratamento. E para elo poríase en marcha formación para o persoal do Punto Limpo en materia de preparación para a reutilización con obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de seren preparados para a reutilización.
Todas estas melloras e implementación de servizos, financiaranse grazas a unha axuda autonómica, xa que desde o Concello de Mos óptase a unha subvención da Xunta de Galicia neste senso, pola que a Xunta asumiría o 90% do custe deste proxecto e a administración local tan só o 10% restante.
A devandita axuda, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, vai dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. E ten por obxecto potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables; e desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.
Esta orde regula a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto, para a mellora dos puntos limpos fixos, a adquisición de puntos limpos de proximidade, a adquisición de puntos limpos móbiles así como o fomento da preparación para a reutilización e a autorreparación. Apoia ás melloras nos puntos limpos existentes: proxectos de mellora das condicións das instalacións municipais para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos. E promove a creación de puntos limpos móbiles con diferentes compartimentos para a recollida de residuos: proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos.