HomeVigoMosO Punto Limpo Móbil de Mos retoma o servizo trala súa reparación...

O Punto Limpo Móbil de Mos retoma o servizo trala súa reparación logo dun acto vandálico

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos informa de que o Punto Limpo Móbil xa está novamente operativo tras completar os traballos de reparación derivados dun acto vandálico que obrigou á suspensión temporal do servizo.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “non imos permitir que comportamentos incívicos freen servizos que son fundamentais para o conxunto da veciñanza. Actuamos con rapidez para restablecer o funcionamento e garantir que Mos siga avanzando en sustentabilidade”.

Arévalo incidiu tamén na importancia da responsabilidade cidadá: “Este punto limpo móbil é unha ferramenta útil, cómoda e pensada para todos. Coidalo é responsabilidade compartida. Cando se dana, pérdese un servizo que beneficia a todo o municipio”.

O servizo, posto en marcha en outubro de 2025, ten como finalidade achegar a recollida selectiva de residuos ás dez parroquias de Mos, evitando desprazamentos e facilitando a correcta xestión de residuos domésticos especiais.

O Punto Limpo Móbil permite depositar, entre outros, pilas e baterías, lámpadas, aceites de cociña usados, pequenos electrodomésticos, roupa e calzado, xoguetes, envases contaminados ou dispositivos electrónicos en desuso.

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, destacou que “estamos a consolidar un modelo de xestión máis próximo e eficaz. A boa resposta da veciñanza demostra que este servizo era necesario, e agora toca reforzalo e protexelo”.

Dende o Concello anímase á cidadanía a facer uso deste recurso e a respectar as infraestruturas públicas, clave para avanzar cara a un modelo de economía circular e sostible. Tamén se lembra a importancia de facer un uso responsable dos espazos públicos e de empregar os servizos habilitados para a correcta xestión dos residuos.

O abandono de enseres ou lixo fóra dos puntos autorizados, como colectores ou o propio Punto Limpo Móbil, supón un prexuízo para o entorno e para a convivencia, ademais de poder derivar en sancións conforme á normativa vixente. Neste sentido, apélase á colaboración da veciñanza para manter Mos limpo e coidado entre todos.

Calendario de localizacións do Punto Limpo Móbil

Meses impares (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro, novembro):

                •             Días 1-5 → Mos (Pazo de Mos)

                •             Días 6-8 → Cela (Xunto á Igrexa)

                •             Días 9-11 → Cela (Centro Cultural Herville)

                •             Días 12-14 → Pereiras (San Rafael)

                •             Días 15-17 → Pereiras (Centro Cultural Os Castros)

                •             Días 18-22 → Petelos (Multiusos As Pozas)

                •             Días 23-26 → Tameiga (Urb. San Eleuterio)

                •             Días 27-30/31 → Tameiga (Alto Puxeiros)

Meses pares (febreiro, abril, xuño, agosto, outubro, decembro):

                •             Días 1-5 → Sanguiñeda (Avda. de Sanguiñeda)

                •             Días 6-8 → Sanguiñeda (Ameiro Longo)

                •             Días 9-11 → Louredo (Local Social A Cividade)

                •             Días 12-14 → Louredo / Guizán (Santiaguiño)

                •             Días 15-17 → Guizán (Plantel)

                •             Días 18-22 → Dornelas (Local Social)

                •             Días 23-26 → Torroso (Peinador)

                •             Días 27-30/31 → Torroso (Centro Dotacional)

Publicacións Relacionadas