A XVIII edición do Rallye Sur do Condado arranca este venres día 8 de Xullo e rematará o domingo de madrugada coa entrega de premios despois de percorrer 6 treitos a dobre pasada polas comarcas de Condado, Paradanta e Louriña. Un total de 447.5 km de estradas percorridas, dos que 108.12 km serán cronometrados.
O evento, organizado pola Escudería Surco, comeza o venres coa verificación dos vehículos na nave industrial de “Autocares Raul” dende as 16:30 horas .
O público asistente terá a posibilidade de ver os máis de 120 coches e equipos inscritos na proba no parque de traballo (localizado no centro urbano da localidade de Salvaterra). Así mesmo, xa pola tarde, realizarase unha firma de autógrafos que terá lugar na praza do concello salvaterrense entre as 20 e 20:45 horas. As equipas confirmadas para esta actividade son os aclamados Alberto Meira e Avelino Martinez; Pablo Blanco e Ian Quintana; Isaac Durán e Hugo Varela; Lorenzo Rivera e Tatiana Columna; Alexis Viéitez e Ezequiel Salgueiro
Xa o sábado, a competición dará comezo ás 08.00 horas coa saída do parque de traballo. De aí os pilotos encamiñaranse cara o treito A, “Talleres Sermiño”, situado na localidade de Salceda de Caselas. “Un percorrido bastante virado, estreito e con moitas zonas sucias e rotas, con area e pedras especialmente no alto”, describen desde a organización.
Para continuar as unidades dirixiranse cara o treito B, “Pixeralia”, que se localiza entre a ponte de Covelo até a vila de Mondariz. “O máis diferenciado de todo o rallye xa que é 100% estrada ampla, lisa, con asfalto de calidade e liñas pintadas para ambos carrís”.
Aproximadamente dúas horas despois do comezo, os pilotos conducirán cara o concello de Mos, no treito C “ T. Altrans”, un percorrido que “repite despois da boa acollida que tivo durante o 2021 xa que comeza nun tobogán de curvas moi rápido, cheo de cruces, con zonas de casas e algo de sucidade cara o final do mesmo”.
O primeiro reagrupamento da xornada terá lugar na Praza do Concello de Salceda ao redor das 11.20 horas.
“O mellor treito, o da casa, para rematar”
Estes tres tramos volveranse repetir na mesma orde ás 12.20, 13.20 e 14.19, respectivamente para rematar a primeira parte da xornada reagrupados no Pazo de Mos.
A partir das 17.00 volverán a ruxir os motores, desta vez no treito D “Transportes Augusto”, que percorrerá as estradas de Arbo. “Un treito con bastantes botes, o que o fai moi emocionante, máis tamén unha dor de cabeza para os equipos xa que é onde se produce moitas roturas e saídas de vía”, explican desde a organización do rallye.
O seguinte treito, “Electricidad Condado”, recorrerá a vila ponteareá por lugares de gran interese turístico como a Pedra do Equilibrio, situada na parroquia da Picaraña. “Trátase dun percorrido curto e maioritariamente lento, con moitas curvas pechadas, zonas rotas e sucias onde é moi sinxelo cometer erros e perder tracción no coche”.
O da casa será o último percorrido no que competirán os coche. O treito F “Sumelga”, recorre a vila de Salvaterra de Miño e conta “con zonas rápidas, lentas, cruces e cambios de rasantes, ademais de moito público”, sinalan desde a Escuederia Surco.
A segunda pasada destes tres treitos terá lugar aproximadamente ás 21.00, 22.00 e 22.30 horas, respectivamente. Deste xeito as unidades pecharán a competición na Praza do Concello salvaterrense onde a partir da medianoite terá lugar a cerimonia de entrega de premios aos gañadores.
Evento seguro
Desde a Escuderia Surco piden a todos os afeccionados que se acheguen aos diferentes treitos que se coloquen nas zonas indicadas pola organización para manter a seguridade de todos. Do mesmo xeito, alentan a que se deixen as localizacións tal como as atoparon, sen deixar residuos nin cabichas que poidan danar o entorno.