Estarán en concerto o sábado, 4 de abril, a partir das 21.30 h no Espazo Feiral
O rock de La Fuga e Puño Dragón abrirá musicalmente as festas de San Telmo 2026. As dúas bandas actuarán o sábado 4 de abril, a partir das 21.30 horas, no Espazo Feiral, nun concerto con entrada libre.
O Concello de Tui aposta de novo este ano por grandes concertos para as festas patronais da cidade, declaradas de Interese Turístico Galego.
La Fuga chegará a Tui dentro da xira do seu trinta aniversario nun concerto no que repasará os grandes éxitos da súa extensa traxectoria musical con máis de 500 concertos e 14 discos publicados. A banda, creada en Cantabria en 1996, está formada na actualidade por Edu Karma, batería; Nando G. Miguel, guitarra; Xavi Moreno, voz e guitarra; e Sergio Sáiz, baixo.
Tras cambios na formación inicial, liderada durante os primeiros anos por Rulo, en 2009 Pedro “Razkin” situouse ao fronte do grupo, e en 2022 a banda abriu unha nova etapa coa incorporación de Xavi Moreno. En outubro do ano pasado presentaron novo disco “Justo después del silencio” con doce temas nos que combinan enerxía, emoción e rock creado dende o corazón.
No seu concerto o próximo o sábado 4 de abril, ás 00 h, no Espazo Feiral, interpretarán temas deste novo traballo como “A Ratos”, “Flores de Mentira”, ou “Demasiado tarde”, xunto a outros éxitos da banda coma P’aquí p’allá, Por verte sonreír, Jaleo, Majareta. No seu concerto nas festas de San Telmo en Tui ofrecerán un directo no que, como adoitan facer en cada concerto, conectarán co público dende o primeiro acorde.
Nesta primeira noite de festa os primeiros en subir ao escenario do Espazo Feiral, ás 21.30 h, serán os músicos de Puño Dragón. A banda asturiana fusiona o rock tradicional con sonoridades máis actuais. A Tui chegarán dentro da xira do seu segundo traballo “Juegos Violentos” cun son provocador, contundente e enérxico.
Dende o lanzamento en 2022 do disco “Puño Dragón” con 10 temas cheos de forza e influencias clásicas comezaron a conquistar os escenarios de festivais en toda España. En xaneiro de 2025 publicaron “Juegos Violentos” caracterizado por un son potente, enérxico e con ritmos contundente, e letras moi coidadas non exentas de ironía. “Haré lo que pueda”, “Fantasmas”, “Emilia ou “Juegos Violentos”, son algúns dos sinxelos deste novo disco, cos que están a conquistar ao público a nivel nacional do mesmo xeito que de seguro farán en Tui o próximo 4 de abril.
Deste xeito Puño Dragón e La Fuga protagonizarán o primeiro concerto das Festas de San Telmo 2026 no que o o público poderá gozar de dous directos cheos de forza, enerxía e grandes cancións.



