O Rondallas Fest reforza o seu cartel con novas incorporacións do elenco da película “Rondallas”

Redacción
Lectura mínima de 5

O coloquio do sábado 13 contará co director Daniel Sánchez Arévalo e cos actores e actrices María Vázquez, Carlos Blanco, Judith Fernández, Fer Fraga e Xosé Antonio Touriñán, nun festival que unirá música, tradición e cinema durante tres días no Pazo de Mos

O Rondallas Fest, que converterá Mos na capital da cultura rondalleira do 12 ao 14 de decembro, continúa a medrar e anuncia a incorporación de novos nomes do elenco da película “Rondallas”, dirixida por Daniel Sánchez Arévalo e inspirada na tradición musical que identifica ao municipio.

O festival, promovido polo Concello de Mos coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia de Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia, vivirá no sábado 13 un dos seus momentos máis especiais: o coloquio co director e co reparto da cinta, que xa se presenta como unha das actividades estrela do programa.

Ademais da presenza de Daniel Sánchez Arévalo, director e guionista do filme, o festival confirma a participación de cinco actores e actrices que forman parte do núcleo artístico da película: María Vázquez, Carlos Blanco,               Judith Fernández, Fer Fraga e Xosé Antonio Touriñán. A súa presenza permitirá ofrecer ao público unha conversa aberta sobre o proceso creativo da película, as anécdotas da rodaxe en Mos e o valor cultural das rondallas como patrimonio vivo. Todos eles, agás Touriñán, estarán tamén na inauguración do certame de rondallas o sábado pola tarde.

Como novidade destacada, o actor Carlos Blanco ofrecerá un monólogo humorístico exclusivo durante a inauguración do Certame de Rondallas, un detalle que engade un ton festivo e próximo a unha das citas máis multitudinarias do programa.

Un festival que nace da tradición e do cine

O Rondallas Fest xorde ao fío da rodaxe da película e preséntase como un evento destinado a combinar música tradicional, patrimonio colectivo e creación audiovisual contemporánea. O Pazo de Mos converterase durante tres días nun espazo de encontro, celebración e posta en valor dunha tradición centenaria que continúa evolucionando.

O festival abrirase o venres 12, ás 19.00 horas, coa inauguración da exposición “Rondallas”, que recolle traxes, instrumentos, fotografías históricas e achegas das agrupacións participantes. A mostra permanecerá aberta durante dúas semanas e pretende ofrecer ao público unha visión ampla da riqueza rondalleira.

Sábado: coloquio, concerto e festival de rondallas

A xornada do sábado 13 arrincará co coloquio do elenco do filme e continuará co concerto de “Vacaloura Vermella”, o grupo mosense liderado por Daniel Burgos, autor de varios temas da banda sonora da película. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, celebrarase a primeira xornada do certame de rondallas, coa participación de oito agrupacións: Rondalla Asociación Cultural e Musical de Pontellas,  ⁠Rondalla do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, ⁠Rondalla Santa María (O Porriño), Rondalla A Miñoteira (Ventosela, Redondela), ⁠Rondalla da Sociedade Cultural Helios de Bembrive, ⁠Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios, Rondalla da Asociación Club Santiaguiño de Guizán (Mos) e Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.

As actuacións desenvolveranse na carpa instalada no exterior do Pazo de Mos, que acollerá tamén a xornada do domingo.

O domingo 14 estará dedicado ás actividades familiares, con obradoiros infantís de creación de instrumentos rondalleiros e chapas, ademais de contar o sábado e domingo (a partir das 16.30) cunha  zona gastronómica con food trucks.

Pola tarde terá lugar a segunda xornada do certame, con outras nove agrupacións: Rondalla da Asociación O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), ⁠Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios, ⁠Rondalla da Asociación Folclórica Airiños da Lagoa (Baíña, Baiona), ⁠Rondalla da Asociación Veciñal Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns, ⁠Rondalla do Centro Social Cultural e Recreativo de Beade, Rondalla do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, ⁠Rondalla da Asociación Cultural A Merced de Chaín (Gondomar), ⁠Rondalla da Asociación Cultural de Herville (Mos), ⁠Rondalla do Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos).

Mos, corazón da tradición rondalleira

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “o Rondallas Fest é moito máis ca un festival: é unha homenaxe ás nosas agrupacións, unha oportunidade para celebrar unha tradición que nos define e unha maneira de proxectar Mos a través do cine e da cultura”.

Co apoio das administracións participantes, o festival nace coa vocación de consolidarse como un referente cultural en Galicia, capaz de unir xeracións e de reivindicar a forza da música popular como sinal de identidade.

Comparte este artigo