Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue estará no concello o luns 7 de xullo de 10.15 a 14 e de 16 a 21 h
O Rosal prepárase para as vacacións estivais, pero con solidariedade. O vindeiro luns 7 de xullo chega ao concello unha nova unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que abrirá as súas portas a todas aquelas persoas que desexen sumarse ao equipo de doazón de sangue e achegar a súa pinga de solidariedade antes de viaxar este verán. Trátase da época do ano na que se precisan máis doazóns de sangue.
Como é habitual, esta unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco 4, diante da sucursal de Abanca, e atenderá ao público de 10.15 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Dende ADOS fan un chamamento a doar especialmente a aquelas persoas con sangue A+, xa que as reservas se atopan xa en nivel de alerta, así como dos grupos sanguíneos A-, 0+ e B+, que nestes intres están moi baixas. As persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
O proceso, que apenas dura 10 minutos, permitirá salvar ata tres vidas por cada persoa doante. É importante lembrar que poderán doar rosaleiros e rosaleiras con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.