O Rosal acolle a estrea de ‘O Muíño’, cine galego con alma rodado coa veciñanza no municipio

adminON
Lectura mínima de 4

A vila converteuse en protagonista desta curtametraxe dirixida por Alejandro Pacheco, que se estrea o 6 de setembro ás 20.30 h na Praza do Calvario

Máis de 70 rosaleiros e rosaleiras participaron como extras nesta rodaxe ambientada nos anos 70 que fala sobre a resistencia no rural

Un concello de cine. O Rosal converterase de novo esta fin de semana no centro do cine galego coa estrea de ‘O Muíño’, unha curtametraxe rodada integramente no municipio e que contou coa completa implicación da veciñanza, que participou como extras no filme e mesmo cedeu espazos privados para a gravación.

O sábado 6 de setembro, O Rosal non só acolle a proxección dunha película, “senón a celebración dun soño compartido, unha historia de ficción que naceu e medrou grazas a todos os rosaleiros e rosaleiras e á aposta decidida do Concello polo talento creativo”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A estrea será ás 20.30 horas na Praza do Calvario e en caso de choiva trasladarase ao auditorio municipal.

Dirixida por Alejandro Pacheco e escrita por Luis Domínguez e Juan Cacharrón, ‘O Muíño’ é un drama de 28 minutos que mergulla ás e aos espectadores nun recuncho do rural galego dos anos 70. A súa protagonista, María (Arantxa Costas), enfróntase á presión dun terratenente que ameaza con arrebatarlles as terras herdadas da súa familia. O muíño, símbolo dun legado de xeracións, convértese así n o escenario dun enfrontamento final cargado de forza e dignidade.

Os actores Fernando Comesaña, Daniel Urbina e David Domeque completaron o elenco dunha curtametraxe que, cunha ollada intimista e pausada, explora temas universais como a memoria, a violencia de clase, a transmisión do legado ou a silenciosa forza das mulleres que sosteñen o mundo dende as marxes.

A rodaxe, realizada no mes de abril, foi tamén unha experiencia colectiva única: máis de 70 veciños e veciñas do Rosal participaron como extras, transformando as rúas, espazos emblemáticos e mesmo a igrexa de Santa Mariña nun plató cinematográfico. A autenticidade da paisaxe, a luz e o espírito comunitario fixeron posible unha produción coa que Acting School converte ao propio Rosal nun personaxe máis da historia.

Como salientou a rexedora, “’O Muíño’ é moito máis ca unha curtametraxe, é o reflexo do que somos como comunidade. A súa rodaxe uniu xeracións, encheunos de orgullo e fixo do Rosal un escenario vivo de cultura e identidade. A súa estrea será un momento moi especial para todas e todos”. Fernández Callís subliñou ademais o valor destas iniciativas para o futuro do concello, xa que “este tipo de proxectos poñen ao Rosal no mapa audiovisual e amosan que somos un lugar dinámico, creativo e acolledor. O cine dálle visibilidade á nosa terra e á nosa xente, e faino dende a emoción e a verdade”.

Comparte este artigo