HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal avanza cara a súa candidatura ao selo Cidade Amiga da...

O Rosal avanza cara a súa candidatura ao selo Cidade Amiga da Infancia de Unicef

- Anuncio -spot_img

A Mesa da Infancia do Concello celebrou un encontro para preparar a documentación para optar a este recoñecemento

O futuro do Rosal constrúese hoxe. O Concello reuniu a súa Mesa de Infancia para facer un seguimento do Plan Municipal de Infancia e avanzar na preparación da candidatura rosaleira ao selo Cidade Amiga da Infancia, un recoñecemento que outorga UNICEF aos municipios comprometidos coa promoción e protección dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.

Nesta reunión participaron técnicos municipais e membros da corporación, que puxeron en común o estado actual do plan, revisaron as actuacións desenvolvidas ata o momento e definíronse os seguintes pasos para reforzar a estratexia municipal en materia de participación infantil, benestar e escoita activa da mocidade. Ademais procedeuse a recompilar a información e documentación necesaria para presentar oficialmente a candidatura, prevista para mediados deste ano.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia deste proceso como aposta de presente e futuro para o municipio. “Traballamos para consolidar políticas públicas que sitúen ás nenas, nenos e adolescentes no centro das decisións municipais. A candidatura a Cidade Amiga da Infancia é un paso máis no noso compromiso coa participación e coa garantía dos seus dereitos”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, destacou o labor técnico e coordinado que está a permitir avanzar nesta iniciativa. “Esta mesa permítenos facer seguimento real do plan e detectar melloras. Estamos preparando con rigor a documentación necesaria para optar ao selo e seguir impulsando accións que reforcen a participación e o benestar da infancia no noso concello”, recalcou.

Unha vez presentada a candidatura dentro do prazo establecido, este ano agárdase a resolución por parte de UNICEF na que se determinará se O Rosal consegue finalmente este recoñecemento.

Publicacións Relacionadas