O Concello captou fondos para a transformación do edificio en termos de eficiencia enerxética, reorganización interior e accesibilidade
16 alumnos e alumnas cursan este ano os seus estudos musicais neste novo centro profesional, o segundo da comarca
O Rosal escribe unha nova páxina na súa historia musical. Tras anos de esforzo e dedicación, a Agrupación Musical do Rosal fixo posible un logro: a posta en marcha xa para este curso dun conservatorio profesional, convertendo ao municipio nun referente da formación musical especializada. Un fito que marca un antes e un despois na educación musical da comarca, xa que permite ofrecer a rosaleiros e rosaleiras a oportunidade de continuar os seus estudos sen necesidade de desprazarse fóra.
Despois de case seis meses de funcionamento, a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, resalta a grande acollida deste conservatorio profesional, o segundo da comarca. “Sempre fomos un pobo de músicos e músicas e neste primeiro curso xa demostramos que contar con este centro no Rosal foi un paso decisivo para garantir que as novas xeracións teñan acceso a unha formación de calidade preto da casa”.
O Conservatorio Profesional de Música do Rosal abriu as súas portas en setembro escolar con 16 alumnos e alumnas en 1º, 2º e 3º grao, algúns procedentes incluso de fóra do municipio. Ademais, a Escola de Música conta con 210 estudantes nas súas aulas e outras 46 persoas participan nas actividades lúdicas que organiza a Agrupación Musical do Rosal. A rexedora quixo agradecer o gran esforzo realizado pola entidade para acadar este fito histórico e manter unha aposta firme pola educación musical que vén avalada pola traxectoria e o traballo incansable da Agrupación.
Dando un paso máis no seu compromiso polo ensino musical, o Concello impulsa a reforma integral do auditorio municipal para garantir o presente e o futuro do conservatorio e da escola de música. Un proxecto que suporá un investimento de case 900.000 euros e para o que o Goberno municipal xa captou parte dos fondos a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é transformar este espazo en clave de sostibilidade, eficiencia enerxética e accesibilidade.
As obras dividiranse en tres grandes actuacións: a reforma integral da envolvente exterior para optimizar o confort térmico e garantir o futuro da edificación; a adecuación dos accesos ao auditorio, a zona do museo e a escola de música para garantir a accesibilidade universal; e a reorganización do interior da escola e do conservatorio para mellorar a súa funcionalidade.
“Estamos a construír o presente e o futuro da formación musical no Rosal. Con este conservatorio e a reforma do auditorio consolidamos un proxecto de grande impacto educativo, cultural e social para toda a comarca”, concluíu a alcaldesa.