Optará a este recoñecemento impulsado por UNICEF, que reforza o compromiso do Concello cos dereitos, a participación e o benestar de infancia e mocidade
O Rosal constrúe o seu futuro escoitando á infancia e mocidade. O Concello ven de ser recoñecido oficialmente como municipio candidato a Cidade Amiga da Infancia, unha distinción impulsada por UNICEF España co respaldo do Ministerio de Mocidade e Infancia, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e que avala o compromiso municipal coa protección, participación e calidade de vida da cativada e da adolescencia.
Esta candidatura supón unha fase transitoria na que o Concello avanzará na posta en marcha dunha estratexia sólida de políticas de infancia, coa elaboración dun diagnóstico da realidade local e dun Plan Local de Infancia e Adolescencia que permita adaptar as accións municipais ás necesidades reais das nenas, nenos e mozos e mozas do municipio. O obxectivo é crear contornas máis seguras e inclusivas, garantir servizos públicos de calidade e consolidar un modelo de xestión baseado nos dereitos da infancia.
“A candidatura a Cidade Amiga da Infancia é moito máis ca un selo; é unha oportunidade para mirar o Concello cos ollos das nenas e dos nenos”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. “Queremos que a infancia continúe formando parte activa da vida municipal, que se sinta escoitada e tida en conta nas decisións que afectan ao seu presente e ao seu futuro”, recalca.
Nesta mesma liña exprésase a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, que destaca que “este proceso obríganos a revisar como facemos as cousas e a reforzar políticas que poñen no centro o benestar emocional, social e educativo da infancia e da adolescencia. Non é un traballo puntual, é unha maneira de entender o concello”.
Ese protagonismo infantil xa se fixo visible nos últimos días, cando integrantes do grupo municipal de participación infantil e xuvenil, Fogaric@s, foron as encargadas de dar inicio ás celebracións do Nadal co acendido das luces. Un xesto simbólico que reflicte unha aposta clara por incorporar a voz da rapazada ao día a día municipal e por recoñecer o seu papel activo na construción da comunidade. No seu discurso, Suevia lembrou que “o máis importante non é o que temos, senón o que sentimos e o que compartimos cos demais” e que esas luces “non son só bombillas de cores, senón unha mostra de que formamos parte dunha mesma comunidade, dun pobo no que cada persoa conta”. Unha mensaxe que simboliza á perfección o espírito que guía este proceso municipal.
Un Nadal solidario e compartido
O acendido das luces deu o pistoletazo de saída a un Nadal marcado pola participación veciñal e o compromiso social no Rosal. Centos de persoas achegáronse ao Mercado de Nadal máis solidario, que volveu combinar comercio local, actividades familiares e sensibilización social. Ao longo das xornadas, diferentes entidades tiveron presenza no mercado, dando a coñecer o seu labor e promovendo valores de solidariedade e coidado comunitario, nun espazo pensado para compartir e crear conciencia colectiva.
Con este paso, O Rosal reafirma a súa vontade de construír un municipio máis xusto, inclusivo e participativo, no que a infancia non sexa só futuro, senón tamén presente activo da vida local.



