HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal conmemora a palabra de Rosalía nunha tarde de versos e...

O Rosal conmemora a palabra de Rosalía nunha tarde de versos e música

- Anuncio -spot_img

O auditorio municipal acolle este domingo 22 de febreiro a Gala do Día de Rosalía con lectura de poemas da autora e o concerto de Mallou. Entrada de balde

O Concello do Rosal conmemora un ano máis o Día de Rosalía con música e poesía. Este domingo 22 de febreiro a partir das 19.00 horas, o auditorio municipal acolle a tradicional gala do Día de Rosalía, un acto no que render homenaxe á autora galega máis universal especialmente a través da palabra.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, sinala que esta gala “busca ser unha pequena homenaxe a unha muller que foi pioneira do pensamento feminista, innovadora e adiantada ao seu tempo, precursora da poesía moderna e a autora que devolveu ao galego o seu carácter de lingua culta. Celebrar a Rosalía é tamén reivindicar a nosa lingua, a nosa identidade e a forza transformadora da cultura”.

Como cada ano, varias persoas do municipio prestarán a súa voz para recitar poemas da propia Rosalía nun exercicio colectivo de memoria e celebración literaria. A velada completarase co concerto do dúo Mallou, proxecto que rende homenaxe ao gaiteiro Xoán Bello Mallou e que nace do amor polas músicas de raíz de Benxamín Vázquez e de Sabela Rey, neta de Xoán.

A proposta musical de Mallou combina tradición galega e americana con pinceladas de blues, soul e country, creando un ambiente íntimo e próximo que invita a quedar e escoitar. No seu repertorio inclúen pezas do ideario musical galego xunto con composicións propias, inspiradas en referentes como Fran Pérez, Narf ou Suso Vaamonde.

O evento será de balde con entrada libre ata completar aforo. A rexedora anima a toda a veciñanza a participar nesta cita cultural e agradece a colaboración das persoas que farán posible a gala coa súa implicación e coas súas voces.

Publicacións Relacionadas