O Concello pon en marcha coa asociación Amino Galicia e o CRA María Zambrano este programa pioneiro no que participan máis de 300 persoas entre alumnado, familias, profesorado e persoal técnico
Falar, educar e protexer: tres verbos que poden cambiar vidas. O Rosal dá un paso adiante na loita contra a violencia sexual na infancia coa posta en marcha do Proxecto Aloumiño, unha iniciativa pioneira en Galicia que busca formar a toda a poboación rosaleira na prevención do abuso sexual infantil.
O proxecto, impulsado pola Asociación Amino Galicia en colaboración co Concello do Rosal e o CRA María Zambrano, establece unha abordaxe integral que involucra a máis de 300 persoas entre alumnado, familias, profesorado e profesionais de diferentes ámbitos (educativo, deportivo, cultural e sanitario), coa finalidade de crear unha rede segura de protección e acompañamento arredor da infancia.
“Non hai nada máis importante que garantir que os nosos nenos e nenas medren nunha contorna segura, libres de medo e de violencia. O Rosal quere ser un municipio referente na protección da infancia, apostando pola educación, a empatía e a prevención”, sinala a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, quen destacou o carácter innovador e comunitario do proxecto.
O Proxecto Aloumiño estrutúrase en varias sesións formativas e talleres prácticos dirixidos a todos os sectores que teñen contacto con menores: desde o profesorado e persoal técnico ata familias e entidades deportivas e culturais, como o Atlético Novás ou a Agrupación Musical do Rosal. Nas sesións abórdanse contidos esenciais como a detección temperá, a diferenciación entre afecto e abuso, a xestión dos segredos bos e malos, a identificación de sinais de alerta e a procura de axuda en adultos de confianza. Tamén se tratan cuestións emocionais fundamentais para as e os menores, como o respecto polos límites do propio corpo, o bo trato e o recoñecemento das situacións que poidan xerar medo ou incomodidade.
“O silencio nunca debe ser unha opción cando falamos de infancia”, engadiu a rexedora, que recalcou que “este proxecto dálle voz aos nenos e nenas e ferramentas aos adultos para acompañalos, porque educar en prevención é educar en liberdade”.
A Asociación Amino Galicia, con ampla experiencia en programas de prevención da violencia sexual infantil, é a encargada de impartir as sesións e de acompañar ás familias e profesionais neste proceso de aprendizaxe colectiva cun obxectivo claro: dotar á comunidade de coñecementos reais e de recursos sinxelos para actuar ante calquera indicio de risco.
O Concello do Rosal reafirma así o seu compromiso cun modelo de educación baseado na igualdade, o respecto e a protección da infancia, promovendo unha cultura de prevención que involucre a toda a sociedade.



