Cor, creatividade e tradición encherán as rúas este domingo 1 de marzo nunha celebración que repartirá máis de 3.600 euros en premios
O Rosal vibrará este 1 de marzo coa forza dun dos eventos máis esperados do ano. Tras o aprazamento por mor do mal tempo, preto de 1.100 persoas participarán este domingo no tradicional desfile de Entroido, que percorrerá as principais rúas do municipio nunha xornada marcada pola ilusión, a participación e a festa colectiva.
Como ven sendo habitual, o desfile partirá ás 11.00 horas dende a Rotonda da Feira e continuará polas rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. Deste xeito, as rúas rosaleiras converteranse nun grande escaparate de cor e imaxinación, cun concurso no que o xurado valorará a vestimenta, os complementos e a escenificación de disfraces, comparsas e carrozas. O certame repartirá máis de 3.600 euros en premios entre as distintas categorías, recoñecendo o esforzo e a creatividade dos participantes.
“O Entroido no Rosal é moito máis que un simple desfile, é unha auténtica explosión de imaxinación e tradición que enche de vida as nosas rúas”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que anima á veciñanza a achegarse como público e gozar desta celebración “que une xeracións e fortalece o tecido asociativo do noso concello”.
Medidas especiais de tráfico
Co fin de garantir o correcto desenvolvemento do desfile e a seguridade de participantes e público, a Policía Local procederá ao peche ao tráfico o domingo desde as 10.00 horas ata a finalización da actividade das rúas Campo da Feira dende a altura do cemiterio ata a Rotonda da Feira, Xulio Sesto e Ramón Franco, un corte que afectará á circulación do resto das rúas confluíntes. Ademais, as rúas Simón do Mazo e Cabaqueiros pasarán a ter dobre sentido de circulación e serán de uso exclusivo para acceso de residentes. Así mesmo, non se permitirá o estacionamento nas rúas Campo da Feira, Xulio Sesto e Ramón Franco desde as 07.00 horas da mañá ata a finalización do desfile.



