HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal convoca unha concentración diante do seu centro de saúde ante...

O Rosal convoca unha concentración diante do seu centro de saúde ante a precariedade da sanidade pública

- Anuncio -spot_img

Será este venres 5 de decembro ás 12.00 horas

O Concello reclama solucións urxente á Xunta ante a situación actual, cun só médico para 6.600 habitantes, e chama á veciñanza a mobilizarse

Unha soa persoa facultativa para atender a 6.600 habitantes. Esa foi a realidade do centro de saúde do Rosal esta semana, que este mércores contou cunha soa médica atendendo ás e aos pacientes soa ata o mediodía, o que volveu cruzar unha nova liña vermella e deixar claro a precaria situación da sanidade pública no municipio. Ante esta realidade, que amosa unha precariedade asistencial alarmante, o Concello esixe á Consellería da Sanidade da Xunta de Galicia medidas inmediatas que palíen a situación.

Tras semanas de traballo amosando a preocupación á Consellería tras reunións co persoal sanitario do centro de saúde, Ánxela Fernández Callís, lamenta que a situación sexa tan crítica. “Non podemos permitir que a saúde da nosa veciñanza dependa dun sistema que xa non garante nin o básico. Necesitamos medidas inmediatas e unha planificación seria que devolva ao Rosal a atención sanitaria que merece”, subliña a rexedora.

Se o mércores 3 de decembro, o centro de saúde contou cunha única médica ata as 12.00 horas para toda a poboación, este xoves 4 a situación mantense en condicións de “extrema precariedade”. Para o Concello, isto non é un episodio illado, senón o reflexo dun deterioro progresivo e inadmisible da sanidade pública na comarca.

A rexedora fai un chamamento á cidadanía para defender os seus dereitos: “A sanidade pública é saúde, é vida, e non imos quedar de brazos cruzados mentres se desmantelan servizos esenciais. A forza do Rosal está na súa xente e agora máis ca nunca necesitamos mobilizarnos”, recalca.

Por este motivo, o Concello convoca á veciñanza a participar en dúas citas clave, na manifestación en Vigo este xoves 4 de decembro, convocada por SOS Sanidade Pública, e na concentración diante do Centro de Saúde do Rosal este venres 5 de decembro ás 12.00 horas, para reivindicar unha atención sanitaria digna e estable.

Publicacións Relacionadas