Será este mércores 18 de marzo ás 12.00 horas diante do Centro de Saúde
Concello e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública O Rosal reclaman solucións urxentes e chaman á veciñanza a mobilizarse
Unha soa persoa facultativa para atender a 6.600 habitantes. Esta semana no Centro de Saúde do Rosal volveu cruzarse unha liña vermella cunha soa médica das catro que debería haber para asumir a atención sanitaria de toda a veciñanza, así como de todas as urxencias. Unha realidade que volveu poñer de manifesto a grave precariedade asistencial que sofre non só o municipio, senón toda Galicia.
Ante esta situación, o Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública O Rosal convocan á veciñanza a unha concentración diante do centro de saúde este mércores 18 de marzo ás 12.00 horas para reclamar unha atención sanitaria digna e medidas inmediatas por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
A situación vivida estes días evidencia unha falta de persoal que se arrastra desde hai moito tempo, cunha alta carga asistencial para as e os facultativos do centro que dende Concello e Plataforma se considera insostible. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, advertiu que “o que estamos vivindo no noso centro de saúde é absolutamente inadmisible e sitúa ao municipio nunha situación límite que pon en risco non só a calidade da atención sanitaria dos nosos veciños e veciñas, senón tamén a súa saúde e as súas vidas”.
A rexedora subliñou que esta realidade “non é un feito puntual, senón o reflexo dunha precariedade estrutural que leva tempo afectando á sanidade pública no noso municipio”. Por iso, o Concello esixe á Consellería de Sanidade que adopte medidas inmediatas para reforzar o persoal médico e garantir unha atención adecuada á cidadanía.
Concello e Plataforma fan un chamamento á mobilización da veciñanza porque “a defensa da sanidade pública é unha responsabilidade colectiva. Non podemos quedar calados cando un servizo esencial como este se deteriora ata estes extremos. O Rosal e toda Galicia merece unha atención sanitaria digna e acorde coas necesidades da poboación”.



