O Concello continúa coa súa aposta por instalacións de calidade coa compra de novo material de adestramento financiado ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación
A forza do deporte rosaleiro segue medrando. O Concello do Rosal vén de dar un novo paso na transformación do seu pavillón municipal coa instalación de moderno equipamento deportivo destinado ao adestramento dos e das deportistas que fan uso das instalacións da rúa Simón del Mazo. Un investimento que reforza o compromiso municipal coa saúde, o benestar e a seguridade da comunidade deportiva local, especialmente da canteira, verdadeiro motor do futuro deportivo e social do Rosal.
Entre o material adquirido destacan unha máquina multifunción Smith BK58, accesorios da plataforma e polea cónica Eccotec, unha plataforma regular foam Softee, barras olímpicas, discos Bumper, kettlebells, pesas de man, steps profesionais e outros elementos que permitirán aos e ás deportistas realizar un adestramento máis completo e seguro.
Este investimento, subvencionado con 15.712,16 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, enmárcase na planificación estratéxica que o Concello do Rosal leva a cabo nos últimos anos para modernizar e manter as súas instalacións municipais.
“A mellora continua do pavillón municipal é unha prioridade para nós”, destacou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen salientou que “apostamos por infraestruturas de calidade que garantan espazos seguros e saudables para toda a nosa comunidade deportiva, dende a base ata os equipos sénior. O deporte é saúde, cohesión e futuro”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou a importancia de dotar o pavillón “de equipamento moderno e funcional que permita optimizar os adestramentos e ofrecer máis recursos aos clubs e deportistas individuais. Cada mellora é un paso máis nun proxecto global que busca situar as instalacións municipais do Rosal á altura da súa intensa actividade deportiva”.
Estas novas adquisicións súmanse ás actuacións xa realizadas nos últimos anos, como a renovación completa da pista, a remodelación dos vestiarios e duchas cun aseo adaptado, o cambio da caldeira por unha de biomasa, as melloras en accesibilidade e a instalación dunha grada supletoria para o apoio á canteira do Valinox Novás.
Con este novo equipamento, o Concello reafirma o seu compromiso cun deporte local forte, inclusivo e sustentable, no que cada investimento se traduce nunha mellor calidade de vida para toda a veciñanza.



