HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal descobre a Serra da Groba a pé cunha nova andaina...

O Rosal descobre a Serra da Groba a pé cunha nova andaina interpretativa

- Anuncio -spot_img

O Concello organiza unha nova ruta o vindeiro sábado 27 de setembro aberta a todos os públicos. Necesaria inscrición previa na web ou no Rexistro do Concello

O Rosal abre as portas á natureza dun xeito único e activo. O Concello organiza o sábado 27 de setembro unha nova ruta ao abeiro das súas andainas interpretativas, un programa que aposta por dar a coñecer o municipio dun xeito sostible e saudable e que nesta ocasión permitirá a todas as persoas participantes coñecer a Serra da Groba, unha zona de gran valor paisaxístico e natural, e alcanzar o punto máis alto do concello, o Alto do Campo do Couto, con 553 metros de altitude.

Con saída ás 10.00 horas, nesta ocasión trátase dun roteiro de dificultade media, apto para persoas con forma física razoable, cun percorrido circular de 10 quilómetros e un desnivel acumulado de 350 metros.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quixo recalcar que “o programa das andainas interpretativas é unha aposta clara polo turismo sostible e activo, que permite tanto a veciñanza como ás persoas visitantes sentir o territorio, escoitar as súas historias e coñecer a súa riqueza natural e cultural”.

Para o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, “estas andainas ofrecen unha experiencia que vai máis aló do sendeirismo: é unha maneira de conectarse coa identidade do Rosal, coas súas paisaxes e co seu patrimonio, fomentando hábitos saudables e o coidado do medio natural”.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente, a través do formulario habilitado na web do Concello ou no Rexistro. Unha vez pechada a inscrición, enviarase por correo electrónico toda a información práctica, incluíndo o punto de saída, recomendacións sobre roupa cómoda, comida, auga e a declaración responsable necesaria para participar.

Publicacións Relacionadas