HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal e San Miguel avanzan cara á súa autosuficiencia enerxética

O Rosal e San Miguel avanzan cara á súa autosuficiencia enerxética

- Anuncio -spot_img

A sinatura dos estatutos das entidades do Rosal Enerxía e San Miguel Enerxía marca un fito histórico no municipio e abre unha nova etapa de participación cidadá na transición enerxética

A veciñanza do Rosal e San Miguel camiñan para xestionar a súa propia enerxía. O Concello acolleu esta semana a sinatura oficial dos estatutos das comunidades enerxéticas cidadás O Rosal Enerxía e San Miguel Enerxía, un fito histórico para o municipio que culmina meses de traballo técnico, divulgativo e participativo.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e veciñanza promotora rubricaron o documento fundacional que permite a constitución formal de ambas entidades. Con esta sinatura, dáse o paso definitivo para poñer en funcionamento dous proxectos pioneiros de participación cidadá na transición enerxética local.

Fernández Callís destacou que esta sinatura “é un paso importante para o noso municipio. A constitución destas comunidades enerxéticas non só nos achega a un futuro máis sostible, senón que tamén devolve á veciñanza o poder sobre un recurso fundamental: a enerxía. Estamos a construír un modelo participativo, xusto e innovador, no que cada persoa poderá formar parte activa da transición enerxética”.

As novas comunidades enerxéticas nacen co obxectivo de producir, consumir e xestionar enerxía renovable de maneira colectiva, fomentando o aforro económico, a redución de emisións e a implicación directa da veciñanza na toma de decisións sobre o modelo enerxético do territorio.

Durante o encontro destacouse o alto grao de implicación cidadá e o interese xerado ao longo das distintas xornadas informativas celebradas nos últimos meses. A constitución oficial supón o inicio dunha nova etapa na que se activarán os seguintes pasos:

  • Inscrición formal das asociacións nos rexistros correspondentes.
  • Organización interna das xuntas directivas.
  • Análise técnica das localizacións e cubertas dispoñibles para instalacións fotovoltaicas.
  • Estudo individualizado das persoas socias interesadas.
  • Procura de liñas de financiamento e subvencións dispoñibles.

Desde o Concello sublíñase que este proxecto representa un modelo innovador de cooperación público-cidadá, aliñado cos obxectivos europeos de descarbonización e coa aposta municipal por un desenvolvemento sostible e resiliente.

A sinatura dos estatutos marca así o inicio oficial do camiño de O Rosal e San Miguel cara a un sistema enerxético máis xusto, participativo e renovable, no que a enerxía deixa de ser un gasto imposto para converterse nun recurso compartido pola propia comunidade.

As actividades están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Publicacións Relacionadas