Máis de 150 nenos e nenas participan dende hoxe ata o 28 de decembro neste trofeo transfronteirizo organizado en colaboración co Concello
Nadal cheo de deporte no Rosal como manda a tradición. Arrancou xa o XII Trofeo Transfronteirizo O Rosal Handball Cup de balonmán, unha competición organizada polo Valinox Novás en colaboración co Concello que se disputa dende hoxe ata o vindeiro 28 de decembro. Máis de 150 nenos e nenas das categorías benxamín, alevín e infantil participan estes días nun encontro na que a rapazada gozará dunha experiencia única tanto dentro como fóra da pista.
Unha oportunidade para que os xogadores e xogadoras de equipos procedentes de Galicia e Portugal convivan, compartan e aprendan con compañeiros e compañeiras doutros clubs ao tempo que se divirten cos valores do deporte e se fomenta a igualdade, o respecto e o traballo en equipo.
“O Rosal segue a ser un exemplo de como o deporte une ás persoas e fomenta valores esenciais na nosa sociedade. Este trofeo é moito máis que unha competición, é unha ocasión única para que a rapazada aprenda e desfrute dun Nadal cheo de deporte, compañeirismo e novas amizades”, salientou do concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo. O edil resaltou a importancia de eventos coma este para seguir estreitando lazos transfronteirizo e quixo agradecer ao Valinox Novás a súa implicación e traballo. “A colaboración entre Concello e clubs fai posible que iniciativas tan enriquecedoras como esta sigan crecendo ano tras ano”, destacou.
Durante tres xornadas, non só se disputarán partidos, senón que tamén se levarán a cabo actividades paralelas deseñadas para enriquecer a experiencia de todas e todos os participantes, cunha ampla oferta de opcións recreativas.
Haberá dende xogos para demostrar as súas habilidades nunha contorna diferente á da competición oficial ata actividades de animación ou ao aire libre que engadirán frescura e diversión ás xornadas. O broche de ouro será a gran festa de convivencia, con música, comida e un ambiente de celebración no que compartir anécdotas e risas coas novas amizades que se forxarán estes días.