Este 24 de maio (20 h) o auditorio acolle o concerto de Jaime Estévez e Liisa Smolander na súa primeira xira por Galicia
Unha viaxe sonora de Brahms a Debussy, pasando por Messiaen e Falla, soará este sábado 24 de maio ás 20.00 horas no Auditorio do Rosal da man de dúas das promesas emerxentes da música clásica europea: o saxofonista galego Jaime Estévez Moreira e a pianista finlandesa Liisa Smolander. O Rosal será unha das paradas da súa primeira xira de concertos en Galicia, apoiada pola prestixiosa Fundación da Academia Sibelius, onde ambos cursan o seu mestrado.
Estévez, natural de Baiona, leva xa media vida entregado ao saxofón. Con tan só 22 anos, suma galardóns, concertos por media Europa co seu cuarteto Litore Quartet e recentemente foi seleccionado como un dos 105 músicos da Joven Orquesta de la Unión Europea, escollido entre 3.500 aspirantes. Pola súa parte, Smolander é unha pianista recoñecida en Finlandia e no estranxeiro, con premios nacionais e presenza en festivais de referencia como PianoEspoo ou Kuhmo Kammarmusik.
“É unha oportunidade única para escoitar no Rosal música clásica interpretada por dúas figuras emerxentes con proxección internacional. Animamos á veciñanza e ás persoas amantes da música a achegarse e gozar dun concerto que nos conecta coa excelencia musical europea”, afirma a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.
O programa incluirá obras de catro compositores universais: Messiaen, Debussy, Manuel de Falla e Brahms, ofrecendo ao público unha experiencia musical intensa e emocionante. Con entrada libre ata completar aforo, o concerto forma parte da programación cultural e de lecer do Concello, que aposta pola cultura de calidade e o apoio á mocidade creadora, achegando propostas innovadoras e inspiradoras ao corazón do Baixo Miño.

