A biblioteca municipal acolle este venres 27 ‘Rosalía a Cantareira’, un obradoiro musical con Jara Ortiz para nenas e nenos de 6 a 12 anos. De balde
A poesía tamén se canta, se toca e se sente coas mans. O Rosal continúa a conmemoración de Rosalía de Castro tamén dentro da programación dos seus Venres Rebuldeiros cunha proposta pensada para achegar a figura da escritora galega máis universal á rapazada dun xeito creativo e participativo.
Este venres 27 de febreiro ás 18.00 horas, a biblioteca municipal converterase nun espazo cheo de ritmo coa actividade “Rosalía a Cantareira”, un espectáculo da man de Jara Ortiz de Charlatana dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. A actividade será de balde con entrada libre.
A través deste taller musical, o público máis novo poderá descubrir que Rosalía de Castro tamén estaba profundamente ligada á música. A autora creaba as súas propias composicións e inspirábase na música popular e tradicional galega para dar forma aos seus versos. Durante a sesión, a rapazada coñecerá algúns dos seus poemas, adaptados musicalmente por Jara Ortiz, e aprenderán a orixe dos diferentes ritmos da nosa música tradicional empregando a pandeireta como instrumento protagonista.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “é fundamental achegar a figura de Rosalía ás novas xeracións dun xeito dinámico e atractivo, facendo que a sintan próxima e viva”. A rexedora subliñou tamén que “iniciativas como os Venres Rebuldeiros permiten combinar lecer e aprendizaxe, fomentando o amor pola nosa lingua e pola nosa cultura desde idades temperás”.
Dende o Concello anímase ás familias a participar nesta proposta que une literatura, música tradicional e diversión, convertendo a Rosalía nunha experiencia para escoitar, cantar e compartir.



