HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal impulsa comunidades enerxéticas co apoio do tecido empresarial

O Rosal impulsa comunidades enerxéticas co apoio do tecido empresarial

- Anuncio -spot_img

O Concello, a través da Oficina da Enerxía, reuniu ao representantes de comercios e empresas nunha xornada técnica para avanzar nun modelo sostible de xestión compartida da enerxía

O Rosal continúa camiñando cara a un futuro enerxeticamente máis sostible. O Concello e persoal técnico da Oficina da Enerxía reuniuse con persoas autónomas e representantes de pequenas e medianas empresas rosaleiras de diferentes sectores nunha xornada técnica formativa para fomentar a creación de comunidades enerxéticas no municipio promovidas polo tecido empresarial local. Unhas alianzas estratéxicas que permitirán xerar, compartir e consumir enerxía renovable de forma colectiva, reducindo emisións e xerando un claro aforro do gasto. 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a implicación do tecido empresarial “como peza clave para avanzar cara a un modelo enerxético máis xusto, sostible e participativo”.  “No Rosal temos claro que a transición enerxética debe ser unha oportunidade para veciñanza, comercios e empresas poidan participar e beneficiarse dun modelo máis limpo e económico”, recalcou.

A rexedora explicou que, a clara subida dos prezos da luz dende o 2020, levaron ao Concello a apostar polas comunidades enerxéticas locais como modelo de xestión enerxética compartida e comunitaria, “cun servizo que sexa independente e próximo á veciñanza. Proxectos como O Rosal Enerxía ou a comunidade enerxética rural de San Miguel son só o comezo. Con iniciativas como estas queremos que O Rosal sexa referente dunha nova cultura enerxética que xa é presente”.

Durante o encontro, o director da Oficina da Enerxía, Rodrigo López Piquín, resaltou a importancia da participación de diferentes perfís nas comunidades enerxéticas locais para optimizar o consumo e puxo como exemplo o proxecto do pavillón municipal, no que a instalación de paneis fotovoltaicos abastecerá tanto a este edificio municipal como ás vivendas próximas. 

A xornada pechouse cun coloquio no que as e os asistentes resolveron dúbidas sobre as comunidades enerxéticas, centradas principalmente en cuestións legais, fiscais e organizativas. A Oficina da Enerxía recolleu información de todas e todos os participantes interesados en sumarse ao proxecto do Rosal Enerxía para poder incluílos no estudo de interese e avanzar na formalización da asociación. 

Novas formacións

As xornadas de formación continuarán este xoves 3 de xullo cunha xornada práctica aberta e gratuíta dirixida a persoas e entidades interesadas en mellorar a eficiencia enerxética nas súas vivendas, empresas ou proxectos colectivos. Será ás 19.00 horas na Sala de Exposicións do Concello.

A Oficina da Enerxía está situada no Centro Social Polivalente do Rosal e conta cun horario de atención ao público vía telefónica de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo oficina@enerxia.eu. Ademais, este espazo abre de forma presencial os xoves neste mesmo horario.

As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Publicacións Relacionadas