HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal impulsa o turismo de natureza cun observatorio de aves accesible...

O Rosal impulsa o turismo de natureza cun observatorio de aves accesible en San Miguel de Tabagón

- Anuncio -spot_img

Xa está aberto ao público este observatorio ornitolóxico, financiado ao 100% con fondos europeos a través de Galicia Suroeste

Nun enclave privilexiado da contorna natural do Rosal, entre a biodiversidade da desembocadura do Miño e a tranquilidade das ribeiras de San Miguel de Tabagón, xa está aberto ao público un observatorio de aves accesible, unha infraestrutura pioneira que reforza a aposta local polo turismo sostible, a accesibilidade e a posta en valor do patrimonio natural.

Este proxecto está financiado ao 100% con fondos europeos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU e canalizado mediante o Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia” xestionado por Galicia Suroeste, conta cun investimento de preto de 20.000 euros.

“Queremos que todo o mundo poida gozar da nosa contorna e da riqueza natural do Rosal, sen excepcións. Este observatorio é unha mostra máis da nosa firme aposta pola inclusión, a sostibilidade e a colaboración entre institucións e veciñanza”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O observatorio é unha construción de madeira tratada para exteriores, totalmente integrada no medio, que permite a observación de aves de forma cómoda e segura. Conta con rampla de acceso, dobre ventá adaptada a distintas alturas e espazo interior suficiente para persoas con mobilidade reducida. A maiores, inclue paneis interpretativos e normas de uso, fomentando así o respecto polo medio e a aprendizaxe ambiental.

O proxecto naceu no seo da área de Medio Ambiente do Concello durante o período de prácticas do ornitólogo rosaleiro Manu Sobrino, cuxa implicación e coñecemento da zona foron fundamentais para deseñar un espazo acorde ás necesidades do territorio. E evolucionou coa posta en marcha dun proceso participativo no que se contou tamén coa colaboración activa da Comunidade de Montes de San Miguel, que apoiou a iniciativa, aprobouna en asemblea e participou coas súas propias achegas.

A actuación ten lugar dentro da Rede Natura 2000, nun espazo de especial protección ambiental, catalogado como ZEPA “Esteiro do Miño” (ES0000375) e ZEC “Baixo Miño” (ES1140007), e enmárcase na liña de accións de “rexeneración do destino para mitigar o cambio climático” do Plan de Sostibilidade Turística en Destino ‘A Despensa de Galicia’, implicando aos 14 concellos que integran o territorio de Galicia Suroeste. Estas zonas albergan tipos de hábitats naturais e especies de flora e fauna de especial valor a nivel Europeo, xa que a ZEC Baixo Miño e a ZEC Rio Minho suman unha superficie de 7.400 ha con 30 hábitats de interese comunitario que albergan 74 especies de aves, 7 de peixes, 6 de insectos, 5 de mamíferos, 3 de réptiles e 2 de anfibios.

Este observatorio integra un novo produto turístico baseado na observación de aves e natureza, creando puntos de observación sinalizados e rutas interpretativas ao longo do territorio, facendo uso das novas tecnoloxías e impulsando o turismo de natureza como motor de desenvolvemento.

Como concluíu a rexedora, “este é un proxecto que vai máis alá do Rosal, que conecta coa estratexia dun territorio compartido por catorce concellos e que demostra como a cooperación e a visión compartida poden xerar iniciativas transformadoras”.

Publicacións Relacionadas