HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal inaugura o seu mural por Palestina

O Rosal inaugura o seu mural por Palestina

- Anuncio -spot_img

O Concello convida á veciñanza a participar o vindeiro 23 de decembro nun acto de memoria, dignidade e compromiso colectivo

A dignidade non se borra con pintura nin se silencia con actos de odio. O Rosal volverá alzar a voz pola solidariedade e polos dereitos humanos coa inauguración oficial do mural por Palestina, unha obra realizada fronte ao Centro de Saúde que foi vandalizada nas últimas semanas nun ataque que o Concello cualifica de lamentable e profundamente antidemocrático.

O mural, impulsado polo colectivo Baixo Miño con Palestina, naceu como un xesto pacífico de apoio ao pobo palestino e de denuncia da violencia e da vulneración sistemática dos dereitos humanos.  O acto de inauguración terá lugar o martes 23 de decembro ás 19.30 horas, fronte ao propio mural, e contará coa presenza de Manu López, veciño da comarca que participou recentemente na Flotilla da Liberdade. Tras a inauguración, ás 20.00 horas, ofrecerá unha charla aberta á cidadanía na sala de exposicións do Concello, na que compartirá a súa experiencia e reflexionará sobre a situación actual en Palestina.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “este mural é moito máis ca unha obra artística, é unha declaración colectiva de valores. Como Concello non podemos mirar cara a outro lado cando se ataca a solidariedade e a liberdade. O Rosal sempre estará do lado da dignidade, da paz e dos dereitos humanos”.

Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para participar neste acto simbólico e colectivo, que quere ser tamén unha resposta serena pero firme fronte ao odio, apostando pola memoria, a convivencia e o compromiso social.

Publicacións Relacionadas