A oficina de turismo permanecerá aberta ata o 21 de setembro, con atención presencial de mércores a domingo
O Concello do Rosal continúa este verán coa programación de visitas guiadas aos Muíños do Folón e do Picón e ao Museo do Cabaqueiro, ampliando a súa oferta para chegar a todos os públicos.
A gran novidade dos mércores son as actividades familiares adaptadas e deseñadas para facer coas crianzas que, pola dificultade das rutas habituais, non poderían participar nos percorridos completos. Grazas a esta proposta, os máis pequenos tamén poderán gozar da natureza, coñecer o patrimonio e vivir a experiencia de descubrir este espazo igual que os maiores. En agosto, estas visitas infantís e familiares terán lugar o mércores 13 e o mércores 27 nos Muíños do Folón, mentres que o mércores 20 estará dedicado ao Museo do Cabaqueiro.
Pola súa banda, os xoves ás 19:00 horas celébranse percorridos interpretativos completos polos Muíños do Folón e do Picón, cun itinerario de 3,5 quilómetros e dificultade moderada que combina patrimonio, natureza e historia. As citas de agosto para estes percorridos serán o xoves 14, o xoves 21 e o xoves 28.
Ademais, incorpórase unha segunda cita semanal: as visitas curtas ao Folón, de 60 minutos de duración, que se realizan os domingos ás 10:30 horas. En agosto, poderán realizarse o domingo 17, o domingo 24 e o domingo 31. Xa no mes de setembro, haberá visitas completas aos Muíños do Folón e do Picón os domingos 7, 14 e 21 ás 10:30 horas.
A oficina de turismo, situada no muíño número 1 do Folón, permanecerá aberta ata o 21 de setembro, cun horario de atención presencial de mércores a domingo. Os luns e martes, atenderase de forma telefónica. As prazas para todas as visitas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa a través do correo electrónico visitasguiadas@orosal.gal ou no teléfono 618 029 916.