Concello e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal chaman á veciñanza a participar ás 12.00 h na concentración convocada por SOS Sanidade Pública
Concello e Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal chaman á veciñanza a mobilizarse e participar na concentración convocada por SOS Sanidade Pública diante dos centros de saúde de toda Galicia este luns 13 de abril coincidindo co Día Mudial da Atención Primaria. A concentración, que será ás 12.00 horas diante do centro de saúde rosaleiro, busca visibilizar a precariedade asistencial e reclamar recursos e profesionais para garantir unha atención sanitaria digna.
A situación da atención primaria no Rosal alcanzou niveis moi críticos, coa presenza en moitas ocasións dunha soa persoa facultativa para atender a máis de 6.600 persoas e asumir todas as urxencias, cando no centro de saúde debería haber catro profesionais. Esta realidade, que se repite en toda Galicia, evidénciase como insostible e ameaza a calidade do servizo que reciben os rosaleiros e rosaleiras.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, sinalou que “o que estamos a vivir no noso centro de saúde é unha situación límite. Non só se ve comprometida a calidade da atención, senón tamén a saúde e a vida das persoas. É unha realidade que debemos denunciar e actuar para cambiar”.
Desde o Concello do Rosal e a Plataforma SOS Sanidade Pública fan un chamamento á participación activa da veciñanza para “defender a sanidade pública, porque é unha responsabilidade de todas e todos. Non podemos permanecer calados mentres se deteriora un servizo esencial. O Rosal e toda Galicia merecen unha atención sanitaria á altura das necesidades da súa poboación”.



