HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal pecha unha semana de película tras unha exitosa Mostra de...

O Rosal pecha unha semana de película tras unha exitosa Mostra de Cinema

- Anuncio -spot_img

Tras máis de mil inscricións, a semana pasada presentáronse na localidade as curtas finalistas

O Rosal viviu unha semana inesquecible coa celebración da V Mostra de Cinema, unha cita xa consolidada que volveu converter a comarca no centro da curtametraxe durante cinco intensas xornadas. A programación contou, ademais, con propostas paralelas como concertos e exposicións .

Organizada pola asociación Ghorghalado, coa colaboración do Concello do Rosal e o apoio de empresas privadas como ROEIRASA ou Viveiros da Barxa, esta quinta edición recibiu máis de 1.100 inscricións procedentes de todo o mundo, das que se seleccionaron 32 curtametraxes finalistas. As obras proxectáronse ao longo de catro noites na Praza do Maio de Tabagón, cunha excelente acollida por parte do público..

A Mostra deu comezo o pasado día 6 de agosto, cun concerto inaugural do multi-instrumentista Bieitosolo, que interpretou pezas inspiradas no cinema antes da primeira sesión de proxeccións.

As sesións do xoves 7, venres 8 e sábado 9 celebráronse na praza de Maio de Tabagón, onde se proxectaron oito curtas por xornada, ofrecendo un completo percorrido por diferentes xéneros e estilos narrativos. Fiel ao seu espírito acolledor, cada noite ofrecíase chocolate quente de balde, e o sábado pechouse cunha queimada tradicional aberta a todo o público.

A cerimonia de clausura tivo lugar o domingo 10, nos xardíns do Concello do Rosal, cun ambiente festivo amenizado pola música en directo de Marina Sorin e Nacho Mastretta. Durante o acto entregáronse os sete galardóns da Mostra, cuxas categorías recoñecen diferentes aspectos técnicos e artísticos das curtas participantes. Cada persoa premiada tamén recibiu o símbolo da Mostra, o labirinto castrexo tallado en pedra, así como unha dotación económica.

Entre os premiados estiveron Selección Natural como mellor curtametraxe; Nacho Guerreros, recoñecido pola súa interpretación en Piedra, papel, tijera; City of Pigs, galardoada co mellor guión; e Depredador, que acadou o premio á mellor fotografía. Tamén destacaron Angie como mellor curtametraxe social, Cualquier día la envenenas na categoría rural, e Faistino, que foi escollida polo público como mellor curtametraxe..

Ademais, o cinema non remata aínda. Ata este sábado, na sala de exposicións do Concello do Rosal, estará aberta unha mostra de balde chamada Orixes do Cinema, que reúne fotografía, cinema e deseño gráfico, e forma parte das actividades paralelas da Mostra.

Publicacións Relacionadas