Deporte, música, teatro, obradoiros, solidariedade e tradición daranse cita en decembro e xaneiro para celebrar as festas
As actividades comezan esta fin de semana co acendido do alumeado este venres 6 e os tres días de Mercado de Nadal
A luz do Nadal chega ao Rosal. O Concello dá esta fin de semana o pistoletazo de saída a unha programación chea de actividades para todas as idades nas que se combina cultura, deporte, solidariedade e tradición para celebrar estas festas de forma moi especial. Como destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “esta programación é unha oportunidade para unirnos, gozar da cultura, apoiar o comercio local e compartir momentos únicos todas e todos xuntos”.
O Nadal comezará nas rúas rosaleiras este venres 6 de decembro co tradicional acendido das luces de Nadal ás 19.00 horas na Praza do Calvario. Un ambiente festivo que se poderá desfrutar no Mercado de Nadal durante os días 6, 7 e 8 de decembro, tres días dedicados á artesanía, gastronomía e deseño no Salón de Exposicións do Concello. O mercado estará aberto ao público de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas e contará cada tarde cunha deliciosa chocolatada organizada pola Agrupación Musical do Rosal.
O domingo 8 de decembro, a programación continuará co Festival Attitude, organizado pola Escola de Danza Attitude e que se celebrará ás 18.00 horas no auditorio municipal. Seguiralle unha oferta cultural variada con teatro, música e propostas infantís: o 13 de decembro coa obra do Foro Novo Teatro ás 19.30 h na Escola Simón do Mazo, o día 14 co Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal ás 19.30 h no auditorio e o 15 de decembro: co Concerto de Nadal de Ecos do Folón ás 18.00 h tamén no auditorio municipal.
A cativada tamén será unha das grandes protagonistas da programación de Nadal co regreso dos Venres Rebuldeiros, esta vez con pintura navideña en inglés guiada pola artista británica Esther Moe o 20 de decembro ás 17.00 h no Centro Social Polivalente. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse de forma presencial ou chamando por teléfono ao Concello.
A sustentabilidade tamén estará presente nestas datas co Obradoiro de Nadal Sostible o 22 de decembro de 11.00 a 13.00 h, cunha sesión para adultos no Centro Social Polivalente e outra para crianzas na Escola Simón do Mazo, ambas con inscrición previa no Concello. Xa pola tarde, a música volverá co Concerto de Nadal da Agrupación Musical do Rosal ás 18.00 h no auditorio.
O Rosal mergullarase xa de pleno no Nadal coa visita da Apalpadora Iseo, que baixará das montañas para achegarse á Biblioteca Municipal o 23 de decembro desde as 17.00 h para encher de ilusión aos máis pequenos e pequenas.
A programación inclúe ademais eventos deportivos como O Rosal Handball Cup do Valinox Novás do 26 ao 28 de decembro, que durante tres días reunirá máis de 150 xogadores e xogadoras de balonmán de Galicia e Portugal. Outras propostas culturais será ‘A lingua somos todos’ ao abeiro do Nadal en Rede, un espectáculo de música, relato e poesía para poñer en valor o potencial do galego o 17 de decembro ás 19.30 h na Biblioteca Municipal. O día 28 entregaranse os premios do Concurso de Relato Curto Concello do Rosal ás 18.00 h no auditorio municipal e o 29 de decembro a Agrupación Musical do Rosal trae ao auditorio municipal o Concurso de Panxoliñas de Corais Infantís.
O final do ano chegará con forza coa San Silvestre na Praza do Calvario o 31 de decembro e xaneiro comezará coa visita dos Reis Magos o día 5, que percorrerán os barrios pola mañá e estarán na Praza do Calvario pola tarde, con actividades como pintacaras, chocolatada familiar e o espectáculo infantil ‘Máis sabor’.