HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal prepara unha ducia de propostas para despedir o 2025

O Rosal prepara unha ducia de propostas para despedir o 2025

- Anuncio -spot_img

Acendido das luces de Nadal, videomapping, música ou o tradicional mercado marcarán un mes cheo de actividades

A chegada do Nadal converterá O Rosal nun municipio cheo de luz, música e encontro veciñal. O Concello xa ten lista unha apretada programación cultural para despedir este 2025 dunha forma máis viva ca nunca, cunha ducia de propostas nas que a cultura, a tradición e a participación de rosaleiros e rosaleiras será protagonista.

O programa arranca este sábado 6 de decembro ás 19.15 h co acendido das luces de Nadal, que irá precedido dun espectáculo de videomapping (19.00 h) que transformará a fachada do Concello nun lenzo en movemento. Un inicio do Nadal lúdico, luminoso e pensado para compartir en familia e que marcará o ton dun mes cheo de actividades.

Esta mesma fin de semana, do 6 ao 8 de decembro, o Mercado de Nadal encherá o Salón de Exposicións con postos de artesanía e pequenas xoias creadas a man. Haberá ambientación especial e propostas continuas, como o contacontos da Apalpadora na Biblioteca Municipal o domingo 7 ás 17.30 h, ou as tradicionais cuncas de chocolate quente a cargo da Coral da Agrupación Musical do Rosal cada tarde, de 17.00 a 21.00 h.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “este é un Nadal pensado para que ninguén quede sen a súa parte de diversión: actividades para as familias, cultura tradicional, música, encontro e espazos para apoiar o comercio local”. A rexedora subliñou tamén que “O Rosal é un pobo vivo e iso nótase cando chega o Nadal: a veciñanza responde, participa e fai comunidade”.

Un Nadal cheo de música

A vindeira semana dará paso a varias citas musicais imprescindibles. O Festival de Panxoliñas, organizado por Airiños de San Miguel, Voces do Ceo e Sociedade San Miguel chega á Igrexa de San Miguel o 12 de decembro ás 19.30 h, mentres que o Festival de Nadal da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal encherá o auditorio municipal o 13 de decembro ás 19.30 h. O 14 de decembro (18 h) será a quenda do IV Concerto Ecos do Nadal a cargo de Ecos do Folón, o 20 de decembro (19 h) do II Concurso Infanto-Xuvenil de Panxoliñas da Agrupación Musical do Rosal e o domingo 21 (19 h) do concerto de Nadal de AMDOR.

Tradición deportiva

O ano despedirase en movemento coa tradicional San Silvestre do Rosal, unha carreira festiva que cada ano suma máis participación e que enche as rúas de humor, deporte e espírito comunitario.

E xa en 2026, o 5 de xaneiro, os Reis Magos percorrerán os barrios pola mañá, levando ilusión casa por casa, antes da tradicional recepción e espectáculo de circo pola tarde, unha das citas máis esperadas polos máis pequenos.

Publicacións Relacionadas