O Concello responde deste xeito a unha demanda de rosaleiros e rosaleiras. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral ata o 22 de maio ás 14.00 h
O Concello dá un novo paso para mellorar a mobilidade e responder á crecente demanda veciñal coa convocatoria pública para a adxudicación en réxime de concorrencia competitiva dunha nova licenza de taxi adaptado. A día de hoxe O Rosal conta cunha soa licenza en funcionamento, polo que esta nova convocatoria supón un avance importante na cobertura das necesidades de transporte público subliñadas por rosaleiros e rosaleiras.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia desta medida, xa que “non só ampliamos un servizo público esencial, senón que avanzamos de forma firme cara a un Rosal máis accesible, sostible e atento ás demandas reais da veciñanza. A mobilidade é clave para garantir a calidade de vida e a igualdade de oportunidades no noso rural”.
A licenza ofertada está destinada a un vehículo adaptado, mellorando así a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. O proceso valorarase mediante criterios obxectivos, entre os que destacan a experiencia previa como taxista, estar empadroado/a no Rosal, o compromiso coa sostibilidade empregando un vehículo Eco ou 0 emisións ou o coñecemento detallado do territorio. Tamén se outorgarán puntos a quen ofreza o servizo a tempo completo ou dispoña dun vehículo de sete ou máis prazas.
Requisitos e prazo de presentación
As persoas interesadas deberán cumprir os requisitos legais para concorrer á licenza, como estar en posesión da capacidade profesional, dispoñer dun vehículo en réxime válido de utilización, estar ao día nas obrigas fiscais e laborais e contar cun seguro de responsabilidade civil, entre outros.
As solicitudes deberán presentarse unicamente no Rexistro Xeral do Concello en horario de 09.00 a 14.00 horas. O prazo remata ás 14.00 horas do vindeiro xoves 22 de maio e non se admitirá ningunha proposta fóra deste prazo ou por outras vías.