O Concello incorporará 3 oficiais de obras, 3 peóns de limpeza viaria e roza forestal, un oficial electricista e unha persoa auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar
O Concello do Rosal prevé incorporar este ano oito novos traballadores e traballadoras contratadas a través da Liña 3 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
“A incorporación destes 8 novos traballadores e traballadoras supón un impulso fundamental para mellorar os servizos municipais e, ao mesmo tempo, ofrecer oportunidades laborais a persoas que buscan emprego no Rosal. Con estas contratacións reforzamos áreas clave como obras, limpeza viaria, mantemento ou servizos socias, contribuíndo así ao benestar da nosa veciñanza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A través deste plan de contratacións cubriranse ata 8 postos diferentes con traballadoras e traballadores a xornada completa e contratos de entre seis e nove meses. Así, está prevista a incorporación de:
- Tres oficiais de obras albanel (durante oito meses).
- Tres peóns de limpeza viaria e roza forestal (9 meses).
- Un ou unha oficial electricista (6 meses).
- Unha persoa auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar, con titulación de formación profesional de atención a persoas en situación de dependencia ou certificado de profesionalidade de atención sanitaria (9 meses).
O Servizo Público de Emprego de Galicia elaborará unha listaxe das persoas empadroadas no Rosal que estean inscritas como demandantes de emprego non ocupadas en cada un dos epígrafes correspondentes no momento en que o Concello solicite o listado e que estean dispoñibles para o emprego tanto no momento da sondaxe como no da contratación.