HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal, un dos concellos do proxecto europeo EC4Rural que ten máis...

O Rosal, un dos concellos do proxecto europeo EC4Rural que ten máis avanzada a creación da súa comunidade enerxética

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, participou nunha xornada de traballo do proxecto, na que afondou nos progresos do concello nestas comunidades

O Rosal está a dar pasos decididos cara á transición enerxética no medio rural. O Concello é un dos municipion que máis avanzou na constitución e creación da súa primeira comunidade enerxética rural entre os 22 participantes no proxecto europeo EC4RURAL, un proxecto promovido pola Universidade de Vigo e financiado a través do programa LIFE-2022-CET-ENERCOM que busca desenvolver novos mecanismos de apoio ás comunidades enerxéticas no rural, impulsando a súa creación e mellorando a colaboración entre concellos e veciñanza, a concienciación social e a formación en desenvolvemento enerxético comunitario, ademais de fomentar a participación cidadá e promover as enerxías renovables.

A xornada de traballo dirixida aos 22 concellos adscritos a esta iniciativa piloto en Galicia para actualizar información sobre o progreso do proxecto, favorecer o intercambio de experiencias e promover redes de colaboración entre os actores locais implicados na transición enerxética xusta. Durante o encontro, tamén se abriu un espazo de diálogo co equipo técnico de EC4RURAL para analizar a situación actual en catro dimensións: económica, ambiental, social e administrativa.

Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, participou nunha das mesas redondas, nas que resaltou a importancia deste proxecto. “O noso municipio está a demostrar que, mesmo nunha contorna rural, é posible liderar iniciativas innovadoras en materia de enerxía limpa. A comunidade enerxética rural de San Miguel na que estamos traballando permitirá á veciñanza producir e xestionar enerxía renovable, reducindo custos e fortalecendo a participación cidadá. É un proxecto que non só mira ao futuro, senón que tamén contribúe ao benestar das persoas que viven no noso concello”, destacou.

Na xornada, os concellos participantes destacaron o bo ambiente de aprendizaxe e colaboración, e EC4RURAL reafirmou a súa disposición a manter un “teléfono aberto” para apoiar na constitución e consolidación das comunidades enerxéticas rurais. O Rosal continúa así liderando unha iniciativa pioneira que combina sustentabilidade, innovación e participación cidadá, situándose como referente en Galicia dentro do proxecto europeo.

Publicacións Relacionadas