A programación cultural ofrece do 12 ao 15 de novembro aventuras fotográficas, presentacións literarias e música en directo
A creatividade toma esta semana O Rosal. Libros, música e imaxes mestúranse nunha programación cultural pensada para todos os públicos, que encherá o municipio de actividade e emoción cunha semana intensa e diversa, na que o Concello convida a veciñas e veciños a gozar de cada cita.
A primeira parada será este mércores 12 de novembro ás 20.00 h na Biblioteca Municipal, coa presentación de Rastros, a primeira entrega do Universo Peripatético do fotógrafo Alberte Pereira. Un encontro aberto e gratuíto no que o público poderá mergullarse na aventura fotográfica do autor.
O venres 14 de novembro ás 19.30 h, o Auditorio Municipal do Rosal acollerá a audición de alumnado deste primeiro trimestre, coa participación de estudantes do Conservatorio Superior de Música do Rosal. Unha tarde musical que permitirá comprobar o talento e esforzo das novas xeracións, con entrada de balde ata completar aforo.
A literatura volverá ser protagonista o sábado 15 de novembro ás 12.00 h na Biblioteca Municipal, coa presentación do libro La última peregrina de Kuásar Lutece, nun acto organizado polo Concello en colaboración coa editorial Libros Indie. Unha oportunidade para coñecer de preto o proceso creativo e as fontes de inspiración deste autor, falar de literatura e fantasía e compartir sinaturas e conversacións arredor da súa obra.
A semana pechará cun broche musical de excepción: o concerto do coro e da Camerata Gli Appassionati, que interpretarán o Stabat Mater de Steve Dobrogosz o sábado 15 de novembro ás 21.00 h no Auditorio do Rosal. Unha obra contemporánea de gran beleza e intensidade emocional que promete unha noite inesquecible. As entradas están dispoñibles de forma anticipada (4 € público xeral, 3 € socios) na oficina da Agrupación Musical do Rosal, en Milar Tele-Son e Vivetix e no despacho de billetes o día do concerto (5 €).
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “esta programación representa o espírito do Rosal, un concello vivo, diverso e comprometido coa cultura en todas as súas formas. Queremos que cada veciña e veciño atope o seu espazo, xa sexa na música, na fotografía ou na literatura”. A rexedora engadiu tamén que “o apoio á creación local e á difusión cultural é unha prioridade para o noso goberno, porque a cultura é participación, encontro e identidade”.



