Home Pontevedra Baixo Miño O Rosal vístese de panorámicas no seu calendario para 2026

O Rosal vístese de panorámicas no seu calendario para 2026

0
1

As paisaxes son as protagonistas neste almanaque que contou coas achegas de cinco veciños e veciñas e a inestimable colaboración do fotógrafo rosaleiro Luis Dorado

A beleza do Rosal chega ás casas e oficinas coa sexta edición do seu calendario anual, unha iniciativa que permite á veciñanza achegar a súa ollada do municipio e que converte os recunchos máis emblemáticos do concello en obras de arte visual. Cada mes, os calendarios convidan a percorrer panorámicas únicas captadas desde lugares como o Monte Santa Trega, recollendo a esencia da vida e a paisaxe local.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “este calendario non é só unha sucesión de meses e datas, é un legado visual que conecta ás persoas cos seus barrios e parroquias, coa natureza e coa identidade do Rosal”. ‘Panorámicas do Rosal’ recolle imaxes achegadas por cinco autores, que xunto á colaboración do fotógrafo rosaleiro Luis Dorado permiten ofrecer unha visión diversa e completa do municipio, dende puntos elevados ata recunchos sorprendentes, facendo do calendario unha peza de colección que combina patrimonio, arte e comunidade.

Os Reis Magos repartirán o calendario durante a súa visita aos barrios do Concello o 5 de xaneiro. Ademais, exemplares estarán dispoñibles nos bares da Praza do Calvario e no propio Concello, garantindo que todas as persoas interesadas poidan recollelos de forma totalmente gratuíta.

Con esta proposta, o Concello do Rosal reforza o compromiso de poñer en valor a creatividade veciñal, a paisaxe local e a tradición, facendo da fotografía unha ponte entre a comunidade e o territorio.