HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal vive unhas Festas do Outono do Pilar cheas de patrimonio,...

O Rosal vive unhas Festas do Outono do Pilar cheas de patrimonio, lecer e produto local

- Anuncio -spot_img

Grande éxito de participación nunha nova edición destas festas

O Rosal viviu unha fin de semana inesquecible. As Festas do Outono do Pilar volveron converterse nun encontro de irmandade e identidade colectiva, con centos de persoas participando nas diferentes actividades que mesturaron memoria, patrimonio e celebración. Dous días nos que rosaleiros e rosaleiras se reencontraron coa súa historia e coa súa xente facendo do centro da vila un espazo cheo de vida.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou “a enorme resposta da veciñanza e o orgullo de ver como o pobo se implica cada ano máis nestas festas que manteñen viva a nosa memoria colectiva”. A rexedora engadiu que “as Festas do Outono do Pilar son moito máis ca unha cita cultural: son unha expresión de comunidade, de recoñecemento ás nosas raíces e de compromiso co futuro”.

Tras o pistoletazo de saída coa observación nocturna do ceo con Galicia Suroeste, as Festas do Outono do Rosal continuaron cunha nova edición das Xornadas do Patrimonio coa charla de Manuel Lara Coira sobre as instalacións industriais en Galicia e a súa relevancia como patrimonio cultural, tomando como referencia o patrimonio industrial rosaleiro.

Outro dos momentos destacados foi a Feira de Produtos do Rosal, xa consolidada na súa cuarta edición como un escaparate do mellor da produción local. O público puido saborear doces, pan, viños, aceites e outros produtos elaborados por mans artesáns, nun ambiente festivo que se completou con música, xamón, polbo, gofres e unha animada sesión vermú.

A tradición musical tamén tivo o seu espazo de honra cunha nova edición do Memorial Irmáns Flores, organizado pola Asociación de Gaiteiros da Xistra. Os grupos Airiños do Cereixo (O Rosal), Traspés (Vigo) e Alvariza (Teo) fixeron soar as gaitas e percusións que lembraron o espírito das antigas murgas rosaleiras, unha das expresións culturais máis queridas e identitarias da vila.

Non faltou tampouco a tradicional demostración dos cabaqueiros, que encheron a Praza do Calvario co seu saber facer ancestral elaborando tellas ao vivo, nin o pregón e o espectáculo infantil que puxeron o broche a unha celebración que volveu demostrar a forza da cultura popular. Paralelamente, o público puido visitar a exposición sobre o patrimonio inmaterial do río Miño, organizada pola AECT Río Minho, que permanecerá aberta na sala de exposicións do Concello ata o 26 de outubro en horario de mañá.

Publicacións Relacionadas