É preciso poñer contra as cordas ás eléctricas para que apagóns como os sufridos en 2017 ou neste ano non volvan a suceder. Hai que obrigalos a mellorar e reforzar a súa infraestrutura no rural.
En 2017 un temporal deixou sen luz eléctrica a moitas parroquias so rural, algunhas delas durante 3 días. Daquela instamos ao goberno municipal do PP, dirixido polo hoxe conselleiro de cultura, José López, a presionar ás empresas eléctricas, especialmente a Naturgy e mellorar a súa infraestrutura para que unha situación como a vivida naquel entón volvera a pasar.
Pasaron os anos, cambiou o alcalde, pero os problemas seguen a ser os mesmos: unha vez máis o rural volve a quedar ás escuras ao paso dun temporal. Parroquias de Vea, Tabeirós, Berres, Agar… quedaron onte sen luz, e mesmo hoxe, a pesar de que se recuperou a electricidade en algunha delas, hai veciños e veciñas seguen á luz dun candil.
A veciñanza do rural está farta de ser o patiño feo das prioridades do goberno do PP, goberne no concello ou goberne na Xunta. Desde o BNG cremos que non hai veciños e veciñas de primeira e veciños e veciñas de segunda. Todos e todas pagamos impostos, pagamos a luz ao mesmo prezo, pero para o PP e para as eléctricas, os veciños e veciñas do rural son os últimos da cola.
Desde o BNG da Estrada instamos unha vez máis ao alcalde a atender as necesidades dos veciños e veciñas do rural. É preciso poñer contra as cordas ás eléctricas para que apagóns como os sufridos en 2017 ou neste ano non volvan a suceder. Hai que obrigalos a mellorar e reforzar a súa infraestrutura no rural.
Os veciños e veciñas do rural viven e traballan. Se queremos un rural vivo e con futuro é imprescindíbel mellorar e poñer en marcha servizos que hoxe son imprescindíbeis como a luz, o acceso a internet e o saneamento. O rural necesita algo máis que asfaltados (cando os fan, claro).

