A actuación permitirá incorporar novas vivendas á rede municipal de saneamento
O proxecto inclúe tamén a reposición e mellora do firme nos puntos afectados polas obras, garantindo un resultado final máis seguro e duradeiro
O Concello do Porriño continúa avanzando no reforzo dos servizos básicos no rural coa ampliación da rede de saneamento en Cerquido, unha actuación que permitirá mellorar a conexión á rede municipal en diferentes puntos do lugar, contribuíndo a unha maior salubridade, confort e benestar no día a día da veciñanza.
A intervención conta cun investimento total de 78.202,17 euros ao abeiro do Plan +Provincia 2025, co que o Concello impulsa novas melloras nas infraestruturas e equipamentos municipais.
Os traballos previstos contemplan a execución da nova rede, así como a reposición do firme demolido pola apertura de zanxas e o reforzo a sección completa dos camiños municipais afectados polo trazado, co obxectivo de deixar os viarios en condicións óptimas unha vez remate a obra.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a importancia destas actuacións para garantir servizos esenciais nas parroquias e lembrou que o saneamento é unha prioridade estratéxica do Goberno local: “O saneamento deixou de ser unha actuación puntual para converterse nunha política estruturada, con planificación, recursos e atención directa ás parroquias”.
Lorenzo destacou que a obra de Cerquido se suma ao esforzo municipal realizado nos últimos anos, cun investimento acumulado desde 2022 de case 5 millóns de euros, ao tempo que o Concello deu un paso máis coa creación dunha Concellería específica de Saneamento, para responder con maior eficacia ás necesidades do territorio.
O rexedor explicou ademais que o Concello segue traballando con visión de futuro e obxectivos claros: “O acceso a un saneamento digno é un dereito fundamental, non unha opción. Por iso, investiranse os case 12 millóns de euros que aínda son necesarios para completar a cobertura en todas as parroquias”.
Con esta actuación en Cerquido, o Concello reafirma a súa aposta por seguir ampliando e modernizando a rede de saneamento municipal, impulsando intervencións que melloran a saúde pública, protexen o medio ambiente e contribúen a un Porriño máis sostible e cohesionado.
O Concello do Porriño seguirá traballando para dotar ás parroquias de servizos públicos de calidade, garantindo investimentos útiles, equilibrados e pensados para mellorar o benestar da veciñanza en todo o municipio.



