A Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, Meis, O Grove Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova contarán con estes recursos para construír e mellorar instalacións deportivas ou adquirir novos equipamentos e para obras e servizos de competencia municipal
“Queremos seguir avanzando conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”, asegurou o presidente provincial
Os concellos de Cambados, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa recibirán este ano preto de 11 millóns de euros para investimentos través do +Provincia da Deputación, o plan de obras e servizos de competencia municipal, do que lles corresponden máis de 9 millóns de euros, e do II Plan de Infraestruturas Deportivas, con preto de 1,7 millóns. O presidente Luis López explicou que onte se dirixiu por carta aos alcaldes e alcaldesas da zona para informarlles da asignación dos recursos de ambos plans, así como do Plan Extra. “Queremos seguir avanzando conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia”, asegurou o presidente provincial, que lembrou ademais que “se 2024 foi o ano no que puxemos as bases do proxecto municipalista, en 2025 imos bater récords de apoio aos pequenos e medianos concellos cando máis se precisa”.
O +Provincia 2025, para o que se poden presentar proxectos ata o 2 de abril, está dotado cun total de 48,2 millóns de euros para os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, reparte o crédito de acordo con criterios obxectivos e, por segundo ano consecutivo, introduce o reto demográfico como parámetro para dito reparto, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais da provincia. Como novidade, este ano admite a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, co obxectivo do goberno provincial de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar ao tempo a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza.
A cifra histórica de 48,2 millóns de euros distribuirase entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta e novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
No caso da contorna do Salnés e Arousa, os 9.293.866 euros que recibirán os seus concellos permitirán destinar ata 6,5 millóns de euros a novos investimentos, 771.390 euros a gasto corrente, 1,78 millóns de euros a fomentar o emprego e 232.346 euros a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade. Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2,3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas a pasada semana no Boletín Oficial da Provincia. Ademais, tamén se incorpora por vez primeira o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.
Tendo isto en conta, A Illa de Arousa recibirá 497.179 euros, Cambados 1.053.888 euros, Catoira 485.531 euros, Meaño 572.413 euros, Meis 555.998 euros, O Grove 914.380 euros, Pontecesures 422.734 euros, Ribadumia 534.684 euros, Sanxenxo 1.277.648 euros, Valga 623.623 euros, Vilagarcía 1.482.718 euros e Vilanova 873.035 euros.
II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Por outra banda, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende nesta edición a 8 millóns de euros, o dobre que na pasada, aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (4,42 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (3,57 millóns de euros). Deste xeito, o concello da Illa de Arousa pode beneficiarse de 105.686 €, o de Cambados de 161.100 €, Catoira de 95.699 €, Meaño de 108.091 €, Meis 104.617 €, O Grove 143.145 €, Pontecesures 94.484 €, Ribadumia 107.656 €, Sanxenxo 187.362 €, Valga 110.897 €, Vilagarcía 312.191 € e Vilanova 139.897 € para construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.
Luis López lembrou que este plan “fala da nosa aposta estratéxica polo deporte, polas súas instalacións e polo fomento de hábitos de vida saudable, reafirma o noso compromiso para mellorar e renovar as infraestruturas deportivas da provincia e deixa claro o carácter municipalista deste goberno, que dota de recursos aos concellos”, e que os concellos aínda teñen ata o 22 de xaneiro para presentar proxectos e recibir financiamento ao abeiro do plan.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que ditas actuacións deportivas deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.