HomePontevedraO SalnésO BNG advirte de que Telmo Martín converteu a Sanxenxo nun dos...

O BNG advirte de que Telmo Martín converteu a Sanxenxo nun dos concellos con menos transparencia de toda Galicia

- Anuncio -spot_img

A Plataforma Dyntra, una entidade de prestixio á hora de analizar o nivel de información pública nas diferentes administracións e institucións de toda España, sitúa a Sanxenxo nos últimos postos do país, mentres que na provincia de Pontevedra só presentan peores porcentaxes Gondomar, Salvaterra e Vilanova 

Os nacionalistas denuncian que o Goberno local non deu resposta a dous escritos, enviados nos últimos dez meses, nos que o Bloque solicita o listado de edificios municipais con amianto, o que supón un incumprimento flagrante da lei  

A xestión de Telmo Martín non só  está levando a Sanxenxo a ser un concello endebedado, senón tamén a  ser todo o contrario a un exemplo de transparencia cara a veciñanza.  Así consta no último informe, actualizado a finais de novembro de  2024, elaborado pola Plataforma Dyntra, unha das entidades máis  fiables que existen á hora de analizar e medir a información pública que  achegan as administracións, institucións ou partidos políticos en  España. O estudo cifra en menos dun 20% a información que o  Goberno local de Telmo Martín achega á veciñanza, o que converte a  Sanxenxo no cuarto peor concello de toda a provincia de Pontevedra, só  superado por Gondomar, Salvaterra e Vilanova de Arousa. Se a  comparación se extrapola a toda Galicia, o resultado non é moito  mellor, xa que só 8 de 56 concellos que se someteron a este estudo  presentan porcentaxes máis baixas.  

“Hai apenas uns días o alcalde saía nos medios asegurando que  Sanxenxo é un exemplo de transparencia, cando en realidade é un dos  concellos máis escuros e opacos do país”, advirten os nacionalistas. O  Concello está moi lonxe dos datos que rexistran outras vilas veciñas,  como Poio, Vilagarcía, Cambados ou Marín. Segundo consta no informe elaborado por Dyntra (e que se pode consultar na súa web, dyntra.org),  Sanxenxo só cumpre con 32 dos 162 indicadores que propón a  plataforma virtual para chegar a un nivel de 100% de transparencia.  Especialmente preocupante é o apartado que fai referencia á  información económico-financieira, na que na páxina web do Concello  non se inclúe nin un só apartado completado por parte do Goberno  local. Ademais, só se cumpre cun indicador, de 10 posibles, na parte de  Patrimonio municipal e cun 9% en planificación, limitándose só á  publicación de procesos de selección de persoal. “Non é algo que nos  sorprenda, porque se por algo se caracteriza o señor Telmo Martín,  ademais de por promover políticas de formigón que acaban pasando  factura aos petos dos veciños e veciñas de Sanxenxo, é por actuar co  máximo escurantismo posible”, critica o voceiro do Bloque, Fran Leiro. 

Proba desta falta de transparencia é o caso omiso que o Goberno do  Partido Popular está a facer das dúas peticións presentadas por  Rexistro, por parte do BNG, do listado de edificios municipais con  amianto. Lembran os nacionalistas que a lei actual, aprobada en 2022,  obriga ás Administracións públicas a facilitar este tipo de información,  achegando, ademais, un informe no que conste un plan para a retirada  deste tipo de elementos. “Desde abril do ano pasado xa presentamos  dúas peticións e non obtivemos resposta. O señor Telmo Martín está  incumprindo a lei de xeito flagrante e sen ningún tipo de rubor”,  denuncia o grupo nacionalista. Este feito súmase a outros perpetrados  polo alcalde do Partido Popular, como expulsar das empresas públicas  (Nauta, Turismo de Sanxenxo e Ínsula) aos representantes dos grupos  da oposición. 

“O señor Martín exerce unha política ditatorial e esquece que milleiros  de veciños e veciñas non votaron ao Partido Popular nas últimas  eleccións. É a esas persoas a quen lle está a faltar o respecto coa esta  actitude tan lamentable”, conclúe Fran Leiro, que garante que o BNG  continuará facendo o seu labor de fiscalización “por moitos atrancos  que Telmo Martín pretenda interponer para dificultar ou impedir o noso  traballo”.

Publicacións Relacionadas