HomeTabeirósA EstradaO San Paio volve á normalidade con concertos, orquestras e actividades do...

O San Paio volve á normalidade con concertos, orquestras e actividades do 23 ao 27 de xuño

- Anuncio -spot_img

o O pregoeiro desta edición será o actor e humorista David Amor e empregaranse todos os espazos da vila recentemente humanizados

o O edil de Eventos, Gonzalo Louzao, asegura que é “un programa pensado para todos os públicos” no que Treixadura, Baiuca, Xoel López e Henry Méndez acompañarán a artistas locais

O concelleiro de Eventos, Gonzalo Louzao, presentou esta mañá xunto co alcalde da Estrada, José López, o programa das festas do San Paio que acollerá A Estrada dende o 23 ata o 27 de xuño e que recuperarán o seu formato habitual despois de dous anos condicionadas pola situación sanitaria, combinando catro grandes concertos, catro “das mellores orquestras” e actividades a pé de rúa durante o día “para que disfrute toda a veciñanza”.

O edil de Eventos, Gonzalo Louzao, asegurou que o cartel desta edición, obra da ilustradora estradense Sara Valcárcel, recolle “á perfección” a idea do programa das festas, co que se busca “que xente de todas as xeracións volva gozar coma antes”. Para iso, o primeiro que se recuperará este ano será a tradicional sardiñada de San Xoán o 23 de xuño, que se celebrará no aparcadoiro do Teatro Principal e repartirá 500 quilos de sardiñas de balde doadas polas pescaderías Chedas, Blanco, Pinche, Rafa Carbia e Fran.

Tamén voltarán a celebrarse nesta edición marcada pola normalidade eventos deportivos coma a carreira Nocturna Estradense, a Festa da Bicicleta e os torneos 3×3 de baloncesto e fútbol.

No eido musical, as festas estarán marcadas polos concertos de Baiuca, Treixadura -que presentarán na Estrada o seu novo disco “Camiño Longo”-, Xoel López e Henry Méndez, que convivirán coas actuacións de artistas e agrupacións locais como as bandas de música Cultural e Municipal da Estrada, a Banda de Gaitas de Barbude ou a agrupación Tequexetéldere. Completarán o cartel as orquestras Panorama, El Combo Dominicano, Cinema e Galilea. Louzao explicou que o obxectivo é que “o pobo sexa en sí unha auténtica festa”, empregando varios espazos públicos: a Praza do Concello acollerá os concertos, a zona das atraccións estará na Praza da Feira, na Praza do Mercado terán lugar as actividades infantís e na Praza de Galicia estarán ubicadas as orquestras -salvo a
Panorama, que o fará na Praza do Concello-.

O pregoeiro desta edición será o actor e humorista David Amor, afincado na parroquia de Arca, continuando coa premisa do Concello de que sexa unha persoa que resida no municipio e realice o pregón “en tono humorístico”, apuntou Louzao. Para finalizar, o edil destacou a “importante repercusión que terán os festexos na economía local” e engadiu que durante todos os días do San Paio as actividades rematarán antes das tres da madrugada e non haberá control de accesos nin limitacións de aforos.

Pola súa banda, o alcalde, José López, quixo agradecer na súa intervención a implicación de todas as persoas e institucións coma a Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra que participaron na organización das festas, algo que supuxo “un reto para o Concello” ao decidir non contar con aportacións económicas de veciños nin de establecementos “debido á situación complexa que estamos a vivir”. López engadiu que estes festexos permitirán “poñer en valor a recuperación que se está a facer dos espazos urbanos” e animou a toda a veciñanza estradense a gozar do San Paio e apoiar a cultura “sen medo”.

As actividades comezarán o xoves 23 de xuño ás 18.00 horas coa apertura das atraccións na Praza da Feira. Á mesma hora, inaugurarase a exposición fotográfica “O San Paio que foi” en varios escaparates comerciais das rúas Calvo Sotelo e Ulla. Máis tarde, ás 21.00 horas, terá lugar o acendido da iluminación e, unha hora máis tarde, ás 22.00 horas, dará comezo a sardiñada de San Xoán no aparcadoiro do Teatro Principal con sardiñas gratis, polbeiro e a actuación musical do grupo Regatos. Ás 00.00 horas poderase saltar o lumeiro e ás 00.30 horas dará comezo o concerto de Baiuca na Praza do Concello.

O venres 24 de xuño será o primeiro día con actos programados dende a mañá ata a noite. Ás 10.30 horas realizarase un programa de Radio Estrada en directo dende a rúa Calvo Sotelo; ás 11.00 horas haberá pasacalle da Charanga TNT acompañado da tirada de bombas de palenque e ás 12.30 horas a Alameda Municipal acollerá o concerto do grupo de acordeóns Os Lóstregos e Marietta. Xa pola tarde, ás 18.00 horas a Charanga TNT volverá percorrer as rúas do casco urbano; ás 19.00 horas, a Praza do Mercado acollerá un concerto infantil con inchables e festa de escuma; e ás 20.00 horas terá lugar a exhibición da Escola de Baile Sondodance na Alameda Municipal. Ás 21.00 horas arrancará a X edición da Nocturna Estradense dende a rúa Calvo Sotelo. Ás 22.00 horas David Amor dará o pregón desta edición na Praza do Concello, onde acto seguido comezará o concerto de Treixadura.

Ás 23.00 sairá da rúa Calvo Sotelo a categoría absoluta da Nocturna Estradense co acompañamento musical de Power Trío; ás 00.00 horas, a Zona dos Viños contará coa animación da Orquestra de Foles de Portugal, e ás 00.30 horas actuará a orquestra Cinema na Praza de Galicia.

O sábado 25 de xuño a programación comezará coa celebración do torneo 3×3 de baloncesto, ás 10.00 horas na Alameda Municipal. Ás 11.00 horas, a Charanga Os Atrevidos fará un pasacalle polo casco urbano, mentres que á mesma hora a zona deportiva acollerá o Campionato Galego de Ciclismo en Ruta. Ás 12.00 horas, a Banda de Gaitas de Barbude, a Banda de Gaitas Malante de Malpica e a Orquestra de Foles de Portugal percorrerán as rúas Ulla, Calvo Sotelo, Serafín Pazo e a Praza do Concello. Ás 13.00 horas, na rúa Ulla, haberá unha sesión vermú coa actuación do grupo Supermirafiori. Tamén á mesma hora, a Zona dos Viños acollerá unha actividade de pintacaras a cargo de @nepintakiki. Xa pola tarde, as actividades comezarán ás 16.00 horas coa celebración dos partidos da categoría absoluta do torneo 3×3 de baloncesto na Alameda Municipal. Ás 18.00 horas, haberá pasacalle da Charanga Os Atrevidos. Ás 19.00 horas terá lugar na Praza do Mercado unha festa infantil de zumba cos Bolechas. Ás 19.30 horas, a Alameda Municipal acollerá un Festival de Música Tradicional coa participación da Banda de Gaitas de Barbude, a Banda de Gaitas Malante de Malpica e a Orquestra de Foles de Portugal. Ás 20.30 horas haberá sesión DJ na Zona dos Viños a cargo de I.T.Y.F.

A Praza de Galicia acollerá ás 21.00 horas a actuación da Orquestra Galilea. Ás 22.30 horas dará comezo o concerto especial polo 30 aniversario de Tequexetéldere xunto coa Banda de Música Municipal da Estrada na Praza do Concello e, ao seu remate, ás 23.30 horas, a
festa continuará coa Orquestra Galilea de novo na Praza de Galicia. Ás 00.00 horas terá
lugar na Alameda Municipal o Start of Summer Festival coas actuacións de Henry Méndez,
Groove Amigos, Carlos López, Zana, Pedro Rivis, Álex Brea, Xabi Villar e Iván Campos.

A xornada do domingo 26 de xuño comezará ás 10.00 horas coa categoría base do torneo 3×3 de fútbol na Alameda Municipal. Ás 10.30 horas haberá actuación de Musikenos no Teatro Principal. Ás 11.00 horas, a Estación de Autobuses acollerá o XFest con actividades coma Skateboard, Escape Room, Karaoke, Nerf e Ponte-Slackline. Tamén á mesma hora terá lugar o pasacalle da Charanga BB+ polas rúas da vila e a elaboración da alfombra floral de Corpus na rúa Calvo Sotelo por parte da Asociación de Alfombristas da Estrada. Ás 12.00, actuación de Musikenos no Teatro Principal, e ás 13.00 horas, a oferta musical continuará co concerto da Banda de Música Cultural da Estrada na Alameda Municipal.

Pola tarde, ás 16.00 horas será a quenda da categoría absoluta no torneo 3×3 de fútbol na Alameda Municipal. Á mesma hora continuará o XFest na Estación de Autobuses cun taller de grafiti, batalla de galos e esgrima histórica. Ás 18.00 horas haberá pasacalle da Charanga BB+ e, ao mesmo tempo, as pistas municipais de tenis acollerán a final do torneo de dobres Concello da Estrada. Ás 19.00 horas, a Banda de Música Cultural da Estrada ofrecerá un pasacalle e, á mesma hora, na Praza do Mercado haberá un concerto infantil con inchables e festa da escuma. Ás 20.00 horas, a Praza de Galicia acollerá o espectáculo de batucada de Latexo Percusión. Tamén á mesma hora, haberá misa cantada na honra a San Paio polo coro San Simón de Teo e procesión a cargo da Agrupación Musical de Cornetas, Tambores e Gaitas ACOTAGA de Ferrol e mais a Banda de Música Cultural da Estrada. Ás 22.30 horas terá lugar na Praza do Concello o concerto de Xoel López e ao seu remate, ás 00.00 horas, comezará a actuación da orquestra El Combo Dominicano na Praza de Galicia.

O luns 27 de xuño será o derradeiro día das festas patronais e comezará ás 11.00 horas coa celebración da Festa da Bicicleta na Praza do Mercado. Ás 12.00 horas haberá pasacalle da Banda de Música Municipal da Estrada e, acto seguido, ás 13.00 horas, dará un concerto na Alameda Municipal. Xa pola tarde, ás 18.00 horas haberá pasacalle do grupo Lume na Lareira. Ás 19.00 horas, a Praza do Mercado acollerá un concerto de Lucía Azurmendi Grupo. Ás 19.30 horas, a Escola Municipal de Artes Escénicas representará “O Principiño” no Teatro Principal. Ás 20.00 horas celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica Estradense e a continuación a procesión do Santísimo a cargo das bandas de música Municipal da Estrada e Militar da Brilat, que desfilarán polas rúas da estrada e ofrecerán un concerto na Praza do Concello. Ás 21.00 horas abrirán os polbeiros na Carballeira da Feira. Ás 22.30 dará comezo a actuación da orquestra Panorama na Praza do Concello. Ás 00.30 haberá a tirada de fogos de artificio dende a Cañoteira indicando o remate da festa e ás 1.00 horas da madrugada volverá actuar a orquestra Panorama.

Durante o día 28 de xuño celebrarase o Día do Neno, que se prolongará durante a fin de semana do 1 ao 3 de xullo con descontos para os cativos nas atraccións de feira.

Publicacións Relacionadas